Este sol e este calor que nos abraia desde os séculos dos séculos débenos deixar os miolos nun estado de acougo tal que nin remexendo somos quen de que reaccionen con certa normalidade. Creo eu que debe ser esta a causa de certos comportamentos despois do partido do sábado. E non fago critica de ninguén, quizais de min mesmo. Onte díxome un amigo, un veterano de Riazor, que con este equipo non íamos a ningures. Así! Unha sentenza! Preocupeime porque tantísimos anos de fútbol, na bancada e tamén nos campos que había cando el era mozo, permítenlle ter uns coñecementos para debater con calquera. Nunca o vira tan rotundo. A min non me gustou o Deportivo perante o Eibar, mesmo penso que os vascos foros superiores no seu comportamento como conxunto, pero tanto como aseverar que non imos a ningures non. Paréceme moi cedo para sentenciar, para ben ou para mal. Díxenllo deste xeito, pero el non mudaba, estaba cabreado. Os que o escoitábamos non entendíamos. Hoxe verei se está máis calmo. Un partido, sobre todo se é o primeiro, dá para moi pouco, e en calquera caso dá para aprender, máis cando os propios futbolistas e o técnico fixeron autocrítica e recoñeceron os erros. Ese é un primeiro paso para mellorar. Polo menos xa non foi culpa nin do sol, nin da herba, nin de que o estadio estaba remozado. Agardo que isto mellore porque onte, e xa non sei cantos centos de veces van, os seareiros estiveron outra vez por riba do equipo. Isto ven de comezar, si; pero para todos. Mesmo para o Eibar. En parte ten razón o meu colega, pero eu non son tan categórico a estas alturas do conto. En tres ou catro partidos a cousa cambiará, xa poderán ser dabondo para poder falar doutro xeito e aínda así creo que será moi cedo para facer xuízos.