Hai razóns para queixarse, pero creo que non para alarmarse a estas alturas do conto. Son deses que pensa que todo grupo precisa dun tempiño para converterse en equipo. É o caso do Deportivo, que está en plena formación, aínda que sei que tamén os rivais se atopan na mesma situación. As queixumes pola falta de gol están xustificadas nos números que ofrece nesta catro primeiras xornadas, malia que non sei eu se poden centrar todas nun so nome: Andone. O que si sei é que as comparanzas non teñen sentido ningún. O romanés ten unas características e Lucas tiña outras, como Joselu e Marlos, mesmo Babel, amosarán cousas propias das que non teñen os outros compañeiros. Acostumados durante moitos anos a un nove de verdade -Bebeto, Claudio, Tristán, Makaay, Pauleta, mesmo Uralde- pasaron outros moitos facendo de menos a presenza dun killer. Riki foi o que máis tentou achegarse a esa figura (non a aquelas figuras), pero quedou lonxe. Ata que xurdiu Lucas, con el chegaron os goles e unha cifra que había moito tempo non acadaba ningún deportivista en Primeira. Lucas creaba un gol da nada as veces, pero Lucas xa non está. Agora hai un dianteiro que demostrou que sabe desenvolverse dentro da área, que, malia a súa xuventude, coñece o oficio. O que haberá que facer e xogar para sacarlle o máximo rendemento. Penso tamén que o equipo precisa un pouco máis de traballo, é dicir, un pouco máis de tempo. Ademais, os goles non son so cousa dos dianteiros. Hai bos rematadores en balóns aéreos, Borges, Albentosa, Arribas... O mellor o que precisan son centros doutro tipo e non globos que serven para case nada.Balóns mortos que favorecen sempre aos defensores. Ese potencial que ten o Deportivo tamén habería que explotalo. A estratexia sempre dá puntos, sempre necesarios aos equipos cativos. O Deportivo segue a ser un deles.