Hai problemas que precisan solución urxente. Adoito ser un tipo paciente, que pensa que os técnicos novos sempre precisan dun tempiño para facer chegar ás súas ideas. A estas alturas do conto non era para estar preocupado porque isto é moi longo, pero... pero non me gusta nada do que vexo. Antes de que principiase a Liga estaba ledo porque valoraba este plantel, tamén o adestrador. Despois chegaron cousas, como a baixa de Joselu, que tiña que ser -agardo que sexa- importante. Cousas negativas, pero tampouco tantas como para que este Deportivo aínda non teña una identidade. Pode sair ou non a cousa, pero polo menos amosar o que se quere. E non vexo nada. O de onte? Causa dor perder diante do Celta. Podería falarse do penalti -o xuÍz non sabe nin o que houbo como amosou cando lle sacou o cartón vermello a Sidnei-, e non é penalti. Mais, agás diso, que outra disculpa se pode atopar? O Celta é mellor de medio campo para arriba, segundo Garitano. Polo menos asegura atrás! Se non podes marcar, non xeras oportunidades para que o teu dianteiro faga o seu traballo -Andone está recibindo en banda coa obriga de centrar e rematar- e tes un empate, non deixes que o rival, superior en ataque, teña espazos. Xa pasaron horas desde que rematou o partido e hai cousas que non entendo. Este é un equipo feble, tanto que queda sen confianza de súpeto. Será porque non ten respostas desde ningún lado? Será porque non ten referencia nin dentro nin fóra do campo? Un problema gordo que precisa solución xa!