O Deportivo aínda non amosou os seus sinais de identidade malia que xa van once partidos, non se trata de que os novos conceptos estean todos asimilados, pero xa é tempo de amosar algo. Isto dicía eu onte e o manteño. Eses conceptos, que marca o adestrador, poden ir en moitísimas direccións e cun obxectivo claro: gañar. Hai quen protesta porque este Deportivo no xoga ben. Velaí vén a pregunta: que é xogar ben? Eu téñoo claro: facer o que fai o Barcelona; o que facía Brasil do 70 ou o Ajax dos setenta por citar tres exemplos. Iso é para min, pero hai outras moitas formas de xogar ben. Cada seareiro, cada técnico, cada futbolista ten a súa idea e todas son boas sempre que se adapten como propias. Xogar á contra, moi pechados atrás e deixando un dianteiro (por exemplo) pode ser xogar ben; xogar con cinco dianteiros y tres defensas pode ser xogar ben; xogar? Todo é xogar ben se hai equilibrio. Iso din os técnicos e eu concordo. Lembro o que adoitaba comentar Joaquín Caparrós, que onte asinou por Osasuna, durante a súa estadía no Deportivo, dicía o andaluz que se o seu equipo defendía durante 90 minutos e non recibía ningún gol quería dicir que fixera un moi partido en defensa, e que se a última hora chegaba nunha contra á portería rival e marcaba tamén estaría a facer un partido perfecto en ataque. Para el iso sería xogar ben; e ademais ter equilibrio. Moi discutíbel para min, pero no fondo algo de razón si que pode ter. Eu pido so que un equipo amose a que quere xogar, so iso. O modelo, o sistema, os homes, todos medios para facelo dependen do adestrador, que é o que dá ese sinal identitario que precisa calquera equipo. Sei que houbo situacións que influíron de xeito negativo na preparación do equipo -doenzas, incorporacións serodias pola marcha de Lucas, xogadores fóra de forma-, si, por iso digo que aínda hai tempo, pero tamén que xa compre ollar algo. A vitoria ou a derrota, que son e importante, xa teñen menos que ver con isto.