Ten razón en parte Andone cando di que o fútbol non fóra xusto co Deportivo ata agora, polo menos nalgúns partidos. Porén, cando todo está de cara sae case todo. Non pode haber exemplo máis clariño que o que aconteceu no derradeiro minuto co remate de Willian José, que non entrou despois de petar a pelota dúas veces nos paos, unha por cada un, e pasear outras dúas veces pola raia. Noutros encontros esa xogada castigaría ao Deportivo con dous goles polo menos. Saíu todo, claro que si, pero ademais xogando fútbol. Mellor que noutras ocasións, porque eu lembro partidos nos que rematas cabreado polo resultado; noutros porque o equipo foi un desastre, que de todo houbo. E por suposto cando xogan os mellores todo sae mellor, pero quen son os mellores? Volvemos ao de sempre, nunca concordaríamos. Eu onte adiqueime a gozar cada vez que Babel tiña o balón -mira que axudou atrás o holandés-, ou Çolak, pero eu sobre todo sigo abraiado coas solucións que ofrece Andone. É un futbolista que erra ocasións moi claras, pero sempre as vai ter porque sempre busca e xera espazos para que os seus compañeiros lle toquen en longo. Desde que chegou encantoume, pero agora máis. Por suposto. Sei que é un tópico, pero cando entra un, xa entran... case todo. É o que acontece co romanés, iso que tivo dúas moi boas antes do primeiro cuarto de hora, pero... tivo máis e xa non errou. Ollando a Andone lembro unha frase que dicía Djalminha sobre Makaay: "Con el un mal despexe é medio gol". Só lembro!