Este sistema de Copa no dá para nada, nin paga a pena para os máis pequenos como se está a amosar nesta rolda, do mesmo xeito que aconteceu nas anteriores, por iso que o Deportivo quedase fóra sería o mellor que lle podería pasar. Se so hai 17 futbolistas de campo dispoñibeis e pasado mañá hai un partido de Liga no campo de Espanyol o mellor sería chegar con todos os homes frescos e en boas condicións. Agardo que non se mancase ningún neste partido, nesta competición que non lle interesa a ninguén, agás os grandes. Como cando o Deportivo o era. Lembro que hai anos, cando se lle falaba a Javier Irureta de que se xogase a un so partido, o vasco rexeitaba esa posibilidade de forma contundente. Naquela época o equipo coruñés aspiraba a gañar este torneo, velaí os dous títulos, e o adestrador de Irún non quería arriscarse a caer eliminado perante un cativo. Agora o conto mudou e o obxectivo do equipo branquiazul é a permanencia. Esquecemos que o descenso está a catro puntos? Que hai que ir o campo do Espanyol, que virá o Villarreal e de volta viaxe a Las Palmas? Para comezar a segunda volta en Eibar? De catro, tres partidos lonxe de Riazor. Falo de Liga, claro. Paga a pena xogar cada tres días cando se sabe que non se vai chegar a ningures? Para min non. Outra cousa é que a competición fose doutro xeito. Pero claro, despois de estar medio morto e remata con vida e moi enteiro o que acontecerá será que o equipo viaxe a Vitoria coa idea de darlle a volta a eliminatoria. Eu so penso na Liga.