Dúas semanas, as derradeiras, quedan por diante ata que se peche a quinta e última fase da ampliación de capital do Deportivo. O día 31 concluirá o prazo. A todos os interesados fai un chamamento Enrique Calvete, o conselleiro encargado da área económica, para que se sumen a este sentimento e a este proxecto colectivo dun clube cun modelo de propiedade "singularísimo, case único". "Con esta ampliación garantimos aínda máis que o Dépor seguirá sendo de todos", afirma.

-Que valoración fai desta campaña a piques de rematar?

-A valoración é que o Deportivo cumpriu o obxectivo que se propoñía. En primeiro lugar, aprobar a ampliación, que era un compromiso do convenio coa Axencia Triburaria; en segundo, chegar a millón e medio de euros antes do 31 de decembro de 2015; e en terceiro lugar, e cítoo de último pero quizais é o máis importante, que esta ampliación se faga sen distorsionar para nada o modelo, é dicir, que o Deportivo siga sendo de todos. Por iso volvimos poñer un límite accionarial máximo para adquirir accións nesta ampliación. Hai 1.600 accionistas máis sen contar esta última fase. Hai moitísimos pequenos accionistas que mercaron por primeira vez accións: unha, dúas, cinco... Ese número fai que despois desta ampliación o Deportivo sexa todavía máis da afección que antes.

-Está garantido que o Deportivo seguirá sendo de todos?

-Por suposto. Temos un modelo singularísimo, case único. No 2007 houbo outra ampliación na que a última fase era libre, sen límite. Hoxe non se pode facer, son 90.000 euros como máximo. Pero se non houbera ese límite podería chegar calquera e como faltan catro millóns da ampliación (dos seis fixados inicialmente), podería poñelos e facerse co trinta e moitos por cen, que xa é case unha maioría. É verdade que a ampliación vén dada por un compromiso coa Axencia Tributaria pero o obxectivo era cumprilo e ademáis non só manter, senón reforzar aínda máis o modelo accionarial.

-Xa hai 25.000 accionistas?

-Ao redor de 25.000, veremos o número ao peche desta fase final.

-Cal é o perfil do novo accionista?

-Ao non haber unha ampliación dende 2007, hai moitos abonados, xente moi nova, que accedeu ao deportivismo por idade e non tiña accións. Dese perfil hai moitísimos novos accionistas.

-Xente que, ademais, fai un esforzo importante nos tempos que corren...

-Sen dúbida. Precisamente temos que agradecer moitísimo porque unha parte moi significativa da xente que entrou nesta ampliación é xente nova, con recursos relativamente escasos, xente que aposta por esa posibilidade de ter un pedaciño do Deportivo a pesar de non ser persoas con moitos cartos. Ese perfil é moi amplo no novo accionariado e agradecémoslle moitísimo ese esforzo, así como tamén agradecemos o esforzo que fixeron unhas cantas empresas do tecido empresarial coruñés, entre elas LA OPINIÓN.

-Que lle parece a iniciativa deste xornal de adquirir accións por valor de 26.000 euros, aportando un euro de xeito simbólico por cada socio do clube?

-Tremendamente positiva. Creo que é unha iniciativa excelente e unha mostra máis de que unha empresa como LA OPINIÓN, radicada na Coruña e que pensa tanto na Coruña, aposta polo Deportivo e aposta porque o Deportivo é algo moi importante para a cidade.

-Cre que pode axudar a visibilizar que a ampliación segue aberta ata o día 31 e animar a máis xente a participar?

-Ese é un dos valores a agradecer, dar ese aldabonazo de que continúa aberta e quedan un par de semanas. Isto pode significar un tirón importante, aínda que no Nadal notamos que houbo tamén un incremento na demanda. Houbo xente que regalou accións para Reis e Nadal. Tamén por internet houbo demanda desde varios países estranxeiros.

-É clave que non só se impliquen persoas físicas senón tamén empresas?

-Nese sentido estamos contentos porque houbo varias empresas que apostaron polo Deportivo e investiron en accións. Algunhas non investiron máis precisamente polo límite que puxemos para garantir que ningunha tivera unha porcentaxe significativa. Ese modelo continúa, o do Deportivo de todos. Sabémolo todos pero de vez en cando hai que lembrar que é singularísimo no fútbol español, porque na inmensa maioría dos clubes da Liga o seu esquema accionarial, que respectamos pero non é o noso modelo, é dun ou de moi poucos accionistas que teñen a maioría do paquete accionarial, en ocasións incluso empresas ou grupos que non teñen nin sequera o arraigo necesario na localidade na que se ubica o clube.

-Recuperouse definitivamente a comuñón plena entre consello, equipo e afección?

-Si. Levamos tanto a tempada pasada como esta progresando nese sentido. Temos que dar, como sempre, moitísimas grazas á afección que nos apoia e nos axuda a acadar ese obxectivo de sobrepasar os 26.000 abonados e bater o récord desque non estamos en Champions. O apoio da xente é fundamental e na grada hai unha comuñón total. Lembro con bastante simpatía o episodio accidental pero moi significativo das luces do estadio na previa do Nadal. Todos os grupos, a Federación de Peñas, os Riazor Blues, a afección de todas as gradas, están completamente enchufados e hai unha unidade total en torno ao equipo, a pesar de que podería ter mellores resultados. Transmite boas sensacións pero non acabamos de pegar ese estirón que todos desexamos e que sen lugar a dúbidas imos a pegar en breve tempo.

-Todos a unha tamén á hora de reclamar xustiza para Jimmy.

-Realmente supuxo unha decepción tremenda o arquivo do caso. É unha inxustiza rotunda, non acabamos de entender que unha persoa poida ser asasinada a plena luz do día nas circunstancias tan lamentables e tan alevosas nas que foi asasinado Jimmy, e que ese tema non teña ningunha solución desde o punto de vista policial e xudicial. Parécenos lamentable, e polo tanto, calquera actuación ou acción que vaia desenvolver ao repecto a familia de Jimmy, os seus amigos ou a Asociación Jimmy Sempre con Nós vai ser apoiada polo consello.

-E mentres seguen a chegar propostas de multas por pancartas. Teñen o convencemento de que todas serán arquivadas, como as da pasada campaña?

-Non teño dúbida porque non teñen sentido ningún. Son absolutamente inexplicables, e ademais é descoñecer o que está sucedendo en Riazor, é dicir, o que non está sucedendo, porque realmente non está sucedendo nada. O que hai é unha festa, unha comuñón entre afección e equipo. Non hai absolutamente nin o menor atisbo de violencia, nin tan sequera verbal. A min e a moita xente resúltanos sorprendente que a Comisión Nacional Antiviolencia non se pronuncie e non lle cause sorpresa que se arquive o último asasinato, e esperemos que o derradeiro, do fútbol español, e porén estea preocupada da composición das pancartas, ou de se o material é ignífugo ou non.

-Mírase con lupa cara á grada, non si?

-Observamos que as medidas con relación aos espectadores e ás gradas inciden moitísimo no control e en evitar episodios de violencia verbal, etcétera. Ten que haber unhas cámaras, e todo eso compréndoo. Comprendo que no estadio hai que ter un comportamento e cumprir a normativa, compréndoo eu e compréndeo a nosa afección, que ten un comportamento exemplar. Pero tamén sorpréndeme que exista tanto control sobre o comportamento das persoas que pagan, e porén sobre as personas que cobran, que son moitos futbolistas que cobran moitísimo diñeiro, sobre todo os de algúns clubes, non exista nin a mínima capacidade sancionadora, cando estamos vendo que hai xogadores que fan xestos ao público, xestos de desprezo, etcétera. É sorprendente.

-Como está a día de hoxe a saúde económica do clube?

-Non me gusta ser demasiado optimista nas palabras, porque igual se poden entender mal. Efectivamente a situación mellorou, hai unha folla de ruta e está todo reconducido, pero non esquezamos que o clube segue tendo un patrimonio neto negativo superior a 80 millóns de euros e segue estando en causa de disolución. É dicir, temos que continuar así varios anos, facendo esforzos e pagando a débeda e, polo tanto, é unha situación que non se debe perder de vista. Gústame transmitir optimismo no sentido de que temos claro o que hai que facer e por onde hai que camiñar, pero non me gusta que ese optimismo se convirta na idea de que xa pasou todo e de que isto está totalmente resolto. Quédanos bastante todavía.

-Pero o peor xa pasou?

-Home, pasou o peor porque o peor era non ter acordos con Facenda ou os bancos. Agora hai uns convenios concursais, se cumpren, e mentres se cumpran o Deportivo vai sair adiante.

-Agora chega a fase máis dura nos pagos da débeda.

-Si. Este ano é moi duro porque entre unhas cousas e outras temos que pagar máis de 18 millóns de débeda. É un ano duro e difícil pero xa o temos resolto economicamente.

-Se o equipo segue en Primeira poderá aspirar a algo máis relativamente pronto?

-Ano a ano imos poder aspirar a algo máis. A pesar de que temos que facer fronte a pagos importantes, é verdade que estar en Primeira dache uns ingresos que ao mellor fanche estar en desigualdade competiviva pero cada vez podes acceder a mellor tipo de xogadores. Cando pase o máis gordo, que é cando se resolva a débeda privilexiada coa Axencia Tributaria, na que aínda nos quedan algo máis de 30 millóns de euros, penso que aí imos dar un salto importantísimo. Calculo que arredor de dentro de tres tempadas. Máis ou menos tres campañas máis, algo menos se temos sorte.

-A plantilla péchase con Kakuta e Ola John. Hai cartos para facer unha terceira incorporación se aparece algo interesante antes do día 31?

-A plantilla está pechada e temos unha grandísima plantilla. Tivemos a baixa de Babel pero incorpóranse dous grandes xogadores que penso que nos van dar un resultado excelente. É un tema máis dos responsables da parte deportiva do clube. Descoñezo como se van artellando determinadas cousas, pero supoño que se aparece unha oportunidade excelente, un choio, pois ao mellor poderíase facer.