O fútbol semella ser tan doado que cun simple pase ás costas da defensa adversaria e un dianteiro rápido e que saiba rematar abonda para non perder un partido. Para que tanta complicación con esquemas, con números, movementos se marcar un gol é tan simple coma iso; e menos mal porque o partido de onte foi tan ruín que o que habería que facer sería sacarlle puntos os dous equipos. Xa sei que non pode ser e que hai que darlle valor a ese punto porque con outros tantos na segunda volta a permanencia estaría asegurada, e mesmo entendo as xustificacións de Garitano cando fala dos homes cos que conta para facer un equipo e mesmo para facer os cambios, pero ? hai tanta diferenza entre o Deportivo de Riazor e o que xoga fóra que non teño xeito de comprender a razón. Non concordo cos que din que a causa é que Çolak xoga nunha banda, porque é una verdade a medias da que xa falei noutra oportunidade -onde estaba cando deu o pase de gol? Pois iso-. Unha cousa é desde onde se parte e outra onde se está ou se xoga. Eu creo que as causas son outras, alén da precariedade de futbolistas, e que haberá que buscalas porque hai algo que sería bo que soubesen os técnicos: trátase de acadar a permanencia, si, e canto antes, pero por aquí a xente gusta dun bo trato do balón e do fútbol como xa puideron comprobar neste curso. Hai argumentos para explicar, tamén entender parte do que aconteceu onte, pero non se pode xustificar a falla de intensidade, como recoñeceron os propios futbolistas.