A Barral deulle pulo Tino Fernández aló polo pasado mes de maio cando dixo iso de que era o "primeiro executivo deportivo do club". O presidente non dubidaba do traballo do director deportivo, como home de empresa tivo que agardar un tempo para comprobar o seu valor. Tiña Barral o seu prol que estaba avalado por Fernando Vidal, o seu principal mentor para que ocupase unha praza que o Deportivo precisaba con urxencia. Ten Richard un traballo ben doado de avaliar, alén dos resultados do equipo. O rendemento dos futbolistas óllase no campo; a súa cualidade, pero tamén depende do adestrador que un futbolista saliente ou remate amortecido. Non vou ir moito máis lonxe desta tempada, na que para min hai tres xogadores chave: Guilherme, Çolak e Andone. Engado a Sidnei, que xa estaba pero había que contratalo. Destes catro tres son en propiedade. Non semella mal traballo. Polo menos para min. Porque xa non é tanto contratar con acerto -en propiedade ou cedido-, senón saber asinar a futbolistas no momento máis axeitado, como aconteceu co caso de Sidnei. O Valencia tíñao feito, pero rematou aquí por unha cantidade á que podía chegar o Deportivo. Agora vai tentar algo semellante con Guilherme, pois o futbolista quere ficar e o clube quere que fique. Outro traballo para Barral. Ogallá resolva igual. Seguro que si.