A estas alturas do conto xa non sei que cabe facer, que ten que facer o Deportivo para gañar un partido! Despois do de onte podería xogar a ser adestrador, pero non o son, e ademais é doado xulgar cando a faena rematou. Onte insistín en que me gustou a primeira metade e parte da segunda, minutos nos que os deportivistas fixeron o xogo e xeraron as oportunidades precisas para ter sentenciado antes do tempo de lecer, pero non houbo acerto. Estaba o encontro para que acontecese o que aconteceu, que o rival con moi pouco che petase un golpe definitivo. Despois do gol do Alavés o equipo deixou de existir. Podería discutirse se é penalti, falar sobre o rol de Latre, un xuíz horríbel que pita segundo sopre o vento e que abusa do poder do que foi investido para xustificar as súas deficiencias. Hai cousiñas que van contando e desgastando, pero xa non abonda. Vexo un equipo ben traballado, pero tamén erros teimudos desde o banquiño que restan, quizais sexan esas cousiñas as que fan que os resultados non sexan o bos que merece. Cambiar o adestrador? Nunca fun moito de decisións drásticas e menos cando o técnico traballa a reo e aporta seriedade, pero? Un troco que inflúa no estado anímico? Posiblemente sexa inxusto, pero mesmo podería ser preciso. Gustoume o equipo, gustoume en moitos partidos -malia que hai demasiados erros que o castigan de máis-, pero o que contan son os puntos e a estas alturas son moi poucos. O abismo está preto. Ten un partido menos, pero hai confianza en gañalo? Non sei eu.