Os tempos de ollar a clasificación e comprobar que o descenso está aínda lonxe semella que xa remataron. O pozo está a seis puntos, a sete, a oito... dicíamos con certa tranquilidade non hai moito malia que o Deportivo non era quen de gañar; porén, agora a diferenza é de tres. Xa asusta. Quen sexa positivo dirá que hai catro equipos por baixo e que teñen un partido máis disputado. Eu digo que é certo, pero ese partido que ten pendente o Deportivo hai que gañalo. Tamén digo que as sensacións xa non abondan como hai un tempiño. Eu manteño que cando chega un novo adestrador sempre é preciso uns meses para que impuña as súas ideas e adoito falar do Nadal como límite, porque ademais do adestrador neste equipo adoitan chegar moitos futbolistas novos. O asunto é axeitar a aprendizaxe do novo estilo cos resultados, porque cando o ano natural remata vai xa gastado máis dun terzo de Liga e é preciso sumar. A partir deste punto os argumentos vanse esvaecendo se os resultados non son positivos. Para min o Deportivo ten un problema que xurde dos resultados, quero dicir que se tivese máis puntos estaría a xogar doutro xeito e resolvería os seus encontros con máis facilidade. Seguro. Cuestión de confianza, de saber que con calquera ocasión que teñas vas marcar e tamén de que non todos os erros van supor un castigo. Mais iso non acontece, a realidade fala de que o equipo ten 19 puntos, que só gañou catro partidos de 22, que desbotou numerosas oportunidades de gañar estando por diante do marcador e que o descenso está aí, que os adversarios xa te están a rabuñar as costas. Esa é a realidade. Podemos lembrar as inxustizas arbitrais, que son numerosas, e erros en determinadas xogadas nas que o Deportivo sae sempre prexudicado. E mesmo da sorte. Podemos falar de moitas cousas e seguro que a conclusión é sempre a mesma: "Hai que seguir traballando". Apuntou onte Lux que as sensacións xa non importan, nen os merecementos, que o que conta agora son os resultados. Verdade absoluta se hai alguna. E como se chega aos resultados (positivos)? Esa é a grande dúbida. Con máis acerto no remate, con máis acerto na leitura dos partidos ou mesmo con outro xeito de preparar os futbolistas para encarar cada partido. E cando falo disto, non falo de adestramento futbolístico, falo de discurso para convencer aos xogadores do que son quen de facer. Non sei xa se a estas alturas Garitano poderá facelo. Onte dicía que pode ser tempo dun troco, malia que tamén me parece una inxustiza, pero a estas alturas algo hai que facer para evitar a caída no pozo. Hai marxe, claro que hai marxe, porque ademais hai un partido menos, que xa non sei se serán quen de gañar. Ese é o problema. Autoestima. E hai outro problema que non debería existir: divorcio coa afección. Alguén pode dubidar da resposta dos seareiros branquiazuis? Desta xente non se pode esquecer nunca ninguén, sobre todo os futbolistas, e o sábado fixérono. Todos marcharon cara os vestiarios agás cinco (Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei y Luisinho). Decisión errada que alguén debería corrixir. Xa dixo onte Lux, como capitán, que cometeran un erro e que pedían disculpas, pero compre que alguén máis lles diga aos futbolistas -malia que non debería facer falta- que hai cousiñas que non. "A derrota é moi triste, pero moito máis ver un equipo sen alma e que o rematar abandona o campo as carreiras excepto cinco. Este non é o camiño", publicou a Federación de Peñas Deportivistas o sábado á noite. "Animareite cando menos o merezas porque será cando máis o necesites", adoita cantar o deportivismo. Unha letra para non esquecer. Como tampouco se debería esquecer que tras una derrota dan a cara os de sempre e falan -sempre para os seareiros e non para os xornalistas- os menos posibeis. Non é normal. As veces dou en pensar que hai cousas que van por camiños paralelos, unha é a parcela deportiva -para min positiva nos despachos e negativa no campo- e outra a restante que atinxe o clube. Nisto último todo semella ser excelente, pero nun clube de fútbol o que manda é o balón, e neste caso a pelota está a manchar a xestión global.