Un punto co que eu non contaba, teño que recoñecelo, como tamén manteño que contaba polo menos con catro nos partidos pasados perante o Alavés e o Leganés. Xa se ve que non sirvo para bruxo. Creo que aínda é moi cedo para falar dun Deportivo novo ou distinto, porque en tres días Pepe Mel non será quen de facer milagres, nin el nin ningún outro adestrador. Se acaso estimular, que semella que é no que insistiu polo que eu lle entendín na sala de prensa. O partido que eu vin onte ten moitas semellanzas co do Alavés de hai unha semana, xa que na primeira metade o equipo tivo oportunidades para marcar distancias no taboleiro e na segunda parte xogou moito máis en función do adversario. Hai un matiz moi importante, o Atlético é o Atlético, sen desmerecer o cadro vitoriano. Moita chegada, moito desgaste e iso, supoño, págase segundo pasan o minutos. Çolak, por exemplo, manexou o encontro como quixo na primeira metade; na segunda? moito menos. Mesmo Andone rematou desfeito, que non é estraño porque o romeno rebéntase por cada pelota. Por iso chegou o gol e algunha oportunidade máis. Un punto para festexar, claro que si, pero agora chegan dous encontros dos que só vale unha cousa: gañar. Gañar diante do Sporting e gañar perante o Betis. Sexa como for. Malia que haxa outro torpedo, ou era que onte se coñeceu o auto do caso Jimmy de casualidade? Non será porque interesa mancar o Deportivo e neste caso favorecer o Atlético? É de Madrid, e da capital saen as novas cando máis lles interesan.