O conto semella chegar ao epílogo, aínda que falta o remate definitivo. Estes tres puntos teñen que ser xa definitivos para garantir a permanencia un ano máis, sobre todo despois da derrota do Sporting, que xa queda a nove puntos. Son catro partidos de diferenza por mor da golaveraxe particular que está a prol do Deportivo. A estas alturas o rival xa non é o cadro asturiano, para min é o Granada, que está a once puntos, pero pendente do partido de hoxe perante o Celta. O normal é que gañe e siga a oito, como estaba. Creo que vai gañar porque o Celta ten a Europa League na cabeza e como obxectivo porque na Liga non ten xa máis que agardar a que remate. Paréceme lóxico, de feito en Riazor tampouco xogaron os habituais e mesmo así o Deportivo perdeu. Con esta distancia, nove puntos sobre o Sporting e oito sobre o Granada -pendente de hoxe, insisto- hai que pensar que o traballo está feito porque o Deportivo tería que perder todos os partidos e os asturianos, por unha banda, gañar tres e empatar un; mentres que os andaluces terían que gañar tres. E quedan seis. Xa sei que cando isto está a chegar ao remate acontecen cousas pouco normais, pero nesta vez teñen que ser moi anormais para que o Deportivo non siga un curso máis en Primeira División. De todos os xeitos isto non quere dicir que xa collan vacacións, porque o equipo ten unha débeda moi grande cos seus seareiros que tería que pagar nos partidos que faltan. Onte tres puntos, si; pero nada máis. E a xente que está sempre canda os xogadores merece máis, moito máis.