O venres dicíame un amigo, con case 50 anos de socio do Deportivo, que onte ía ser de Osasuna máis que Pizo Gómez. Está convencido de que o equipo está xa salvado, pero? prefire que os rivais perdan polo que poida acontecer cos partidos propios. Díxenlle, e so el pódeo certificar, que un empate quizais fose mellor. Foi o que aconteceu. O empate permitiu ao Sporting reducir nun punto a diferenza que mantén co Dépor, no caso de derrota en Anoeta, e estar a catro do Leganés, que marca a salvación. Un punto menos con respecto ao descenso, pero hai algo no que moitos non caen e é que hai que ir a Pamplona dentro dunha semana e con este punto Osasuna está case morto, defunción que se pode certificar o mércores coa súa visita ao Camp Nou. O Leganés recibe a Las Palmas e se gaña deixaría aos navarros a doce puntos a falla de catro partidos e coa golaveraxe a favor, é dicir, Osasuna descendido xusto na xornada anterior de recibir ao Deportivo. Dixen a semana pasada, despois da vitoria perante o Málaga, que o obxectivo estaba acadado, malia que as matemáticas non o asinen, pero algún agoireiro fíxome dubidar porque o Sporting ten un calendario doado -dicía-, pero semella que nin con este calendario é quen de gañar. Os asturianos teñen a referencia do Leganés para saíres do pozo, xa non ollan cara o Deportivo, co que teñen tres partidos de desvantaxe. As contas son claras, teñen que gañar tres encontros máis que os homes de Pepe Mel. Xa sei que por aquí somos un chisco optimistas e pensamos que non imos sumar máis ao mesmo tempo que estamos convencidos de que os rivais van gañar todo? Todo o que non gañaron até agora. Eu son un pouco bruxo e cando penso nunha cousa acontece o contrario, pero, de verdade que o Deportivo non está xa a salvo? Estar libre con 31 puntos non é para estares orgullosos, pero é a realidade; aquí so descenden tres e o resto pode festexar. É a imaxe dunha liga noxenta que so protexe os máis grandes e ninguén o vai poder mudar, moito menos os seareiros, que son a vida deste deporte/negocio. Falando de grandes -xa sei que o importante é o de hoxe en Anoeta-, o mércores vén o Madrid e un triunfo sería unha bonita forma de agasallar a afección. O deportivismo ten tres ou catro partidos moi marcados: Celta, Madrid, Sporting e Valencia. De momento so recibiu unha ledicia cos asturianos; chega o momento de pechar o curso con outra perante o equipo de Flo Pérez. Aínda que sexa so polos seareiros. O equipo non compensará o desastre do día do celta, pero polo menos marcharán ledos para a súa casa.