O ascenso do Fabril podería producir beneficios tremendos para o fútbol coruñés, non so para o Deportivo, di Javier Bardanca, adestrador do Silva, profundo coñecedor do fútbol, do galego e do coruñés, en particular. Exfutbolista do Orillamar, Atlético Arteixo e Lugo, entre outros, o máximo responsábel do banquiño ten anos de éxito dirixindo ao equipo branco. Aceptou o reto de Chechu -alguén que o é todo no clube- colleuno en Terceira Rexional e levouno a Terceira División, onde disputará a súa cuarta temporada consecutiva. Con este currículo abonda para que poida falar. Máis de 40 anos de fútbol na súa cabeza e nas súas pernas. O ascenso, que agardo se produza o domingo, vai axudar ao fútbol coruñés de moitas formas, unha delas é que abre portas a máis futbolistas para que se cozan en categorías estatais. Houbo moitos equipos coruñeses -non so da cidade, falo do área metropolitana e un chisco máis lonxe- dos que o primeiro equipo de Galiza non tirou proveito. Como non axudas a un Imperator (estivo en Terceira), Bergantiños (Terceira e mesmo Segunda B), Endesa (Terceira e Segunda B), Dorneda, Betanzos... para facer xogadores? Nunca se fixo desde que eu lembro e xa vin chover algunhas veces. Agora hai unha grande oportunidade. E oxalá ascenda tamén o Bergantiños, polo ben dos rapaces que xogan ao fútbol na comarca. Cantos máis equipos, máis posibilidades de formación e máis posibilidades de que o primeiro equipo luza de canteira. Equipos en Segunda B, Terceira, categorías nas que os futbolistas aprenden a ler. É o xeito, porque de quen se aprende sempre é dos vellos. Iso ensinaban antes.