Hai 25 anos baixaba eu dun taxi aló pola avenida das Palmeras, onde está o campo do Betis, o que primeiro que ouvín foi: "¡El que no quiera al Betis es que no quiere a su madre!". Estiven a piques, xunto cos compañeiros cos que ía, de volver montar no taxi e dicirlle que non parase ata chegar a A Coruña. Xa tiña visto cousas neses anos nos que eu era aínda medio mozo, pero nunca tal vira. Toda a orquestración de Ruiz de Lopera, daquela dono e presidente do clube verdibranco, estaba a funcionar a tope; só quedaba saber se tamén chegaba ao campo; mais non. Nun partido duro, cheo de trampas, o árbitro soubo estar. Foi unha das chaces para que o Deportivo puidese manter o empate sen goles e acadar a permanencia na Primeira División. Si, ese día do que resoa a frase de Arsenio: "Hai Martín, cantos sufrimos". Esa frase xunguida á imaxe do técnico de Arteixo nunha fonda aperta con Lasarte, naquela hora capitán, a agora adestrador do Nacional de Montevideo. Hai hoxe 25 anos tiven a oportunidade de vivir un momento histórico do Deportivo. Agora desde a distancia que me dan os anos, moito máis que as grandes proezas que acadou con posterioridade. Si, porque é marabilloso vivir na opulencia, pero mellor é vivir. E sen aquel resultado positivo non chegaría todo o demais. Pero tamén hai outras datas que permitiron que se chegase a ese 17 de xuño de 1992. As do 9 de xuño do 1991 (ascenso perante o Murcia) e, que para min é máis salientábel, o 22 de maio do 1988 (gol de Vicente). Sen ese gol si que non habería nada do que houbo nin do que hai. Supervivencia, iso foi o que tocou nos anos setenta e oitenta. Un, afeito de cativo a ver o equipo en Primeira e en Segunda, comeu un bo ... golpe cando o descenso a Terceira -tamén o de Segunda B no 80, pero como nese momento tamén caera o Celta doía menos-. Daquela, nos setenta, un soñaba con ser coma Beci, Loureda, Manolete, eses coruñeses do Dépor. Despois abondou con sobrevivir, que non foi pouco.