Cando os cartos non sobran, hai que buscalos para manterse vivo. Faino calquera persoa e tamén os clubes de fútbol, como é o caso do Deportivo. Semella que este é un clube que pode dispor dos cartos que lle dea a gaña para fichar e para pagar contratos, pero non; este clube ten que pagar unha débeda moi elevada e co que lle deixen formar o mellor plantel que poida. Xa sei que algún non fai máis que rirse da mochila, eu penso que non é para risas cando é unha realidade. Imaxínome gañando mil euros con dous fillos e tendo que pagar cen mil, por dicir algo. Será que son de letras e os números confúndenme. A situación actual do Deportivo obriga a vender, como acontecía nos anos sesenta e setenta, para seguir subsistindo. Estou certo de que este consello de administración ficha en moitos casos co pensamento en obter un rendemento no campo de certos futbolistas e, posteriormente, unha importante plusvalía. Que Çolak pode marchar? Por suposto. Vai depender dos cartos que ofrezan. Çolak, Juanfran, Andone, Sidnei? A diferenza entre o turco e os demais é que chegou gratis e todo o que entre na caixa vai ser gañancia. A marcha de calquera dos homes importantes supón unha perda grande no aspecto deportivo, pero permitirá baixar algo da débeda, que é o primeiro que hai que pagar. Eu teño que comer, pero se teño que pagar a un banco, comerei co que me quede. E creo que coma min, todos. Mesmo os clubes de fútbol, que agora xa non teñen privilexios como tiñan non hai moito. O que acontece co eido do fútbol é que so ollamos para o campo, para os títulos, para as competicións, pero non ollamos para o de dentro. Como ninguén olla para dentro das nosas casas, nin un olla para dentro da casa dos demais.