Hai dúas semanas todo soaba moi lindo cando o Deportivo estaba na táboa con un punto despois de dous partidos. Mellor pintaba porque ese punto viña do campo do Levante tras perder en Riazor perante o Madrid. Todo dentro da orde establecida neste fútbol; todo agás as formas malia que Pepe Mel chegou a dicir que o seu equipo non tiña os puntos que merecía. Foi despois de caer perante a Real Sociedad, tamén en Riazor. E tiña razón o adestrador, tiña máis dos que debía. Ese único punto que aínda figura na táboa é merecido porque é real; é inmerecido porque o adversario -o Levante- empatou cun penalti inexistente; e é inmerecido porque o Levante fóra inmensamente superior. Ese punto ten nome: Rubén Martínez. Todo ben ata aí. Mesmo sería normal perder diante da Real, un equipo feito, que xoga de memoria e que é moi superior; pero ollando o que aconteceu no campo ? o normal foi perder. Iso despois de facer o máis complicado que foi empatar e meterlle o medo no corpo ao rival, ata que o tirou, ou llo deixaron tirar. E logo xa o Villamarín? Sen palabras. Toda a teoría que se podería empregar para entender que o Deportivo tivese este punto, ou mesmo ningún, non serve para nada porque nada fixo para sumar. Nin tan sequera pelexar. É un equipo que non sabe a que xoga e se o sabe o disimula moi ben, é un equipo previsíbel e é un equipo feble ao que se lle pode dar desde todos os lados. Pero agora xa non hai escusas. É o décimo terceiro en gasto do plantel, o adestrador xa tivo tempo de darlle o seu xeito, de amosar o que quere facer aínda que non saia, por iso de que precisa máis tempo e ten dous xogadores por posto. "Un problema ter que deixar sete fóra en cada partido", que dixera Mel. "Bendito problema", que diría calquera adestrador. E con todo isto, seica hoxe hai unha final perante o Alavés. Non tanto unha final para o equipo, que ten tempo dabondo, pero si pode ser unha final para os seareiros e o técnico. Van sete anos de inquedanza! que non son poucos. Sete anos de sufrimento mesmo cando eran tempos de celebracións. Xa non quero nin lembrar cando foron nos que houbo que chorar, en non e ledicia.