Hai uns días escribín algo que viña decir máis ou menos que gañar perante o Alavés podía non ser bo e un día máis tarde tamén dixen que o Espanyol nos ía meter cinco. Non son meigo, xa me gustaría, pero hai cousas que se ven. O Deportivo xogou en Cornellà coa "mesma idea" coa que gañou ao Alavés porque o que vai ben non compre mudalo. Vai ben? Fala o marcador. Non temos os puntos que merecemos, foi outra das frases de Pepe Mel antes do encontro diante dos de Vitoria; e tiña razón, había un de máis. E onte dixo que o resultado non reflicte o que aconteceu no campo. Nesta oportunidade vou estar con el. A vitoria diante do Alavés ten a importancia dos puntos, pero nada máis. Só serve de coartada. E gañar onte tampouco sería positivo, alén da táboa. O Deportivo tivo oportunidades dabondo para remontar o 2-0, só Pau evitou que acontecese; pero? por que hai que chegar outro partido máis a iso? Por que o Deportivo só busca o partido cando xa vai perdendo? Por que encaixa gol nos primeiros minutos? Os futbolistas teñen moitísima responsabilidade por que no campo o fútbol é deles, pero hai outras cousas que van alén deles, como saber a que se xoga, saber como se xoga, coñecer como se move o rival e cousas así, que este equipo non amosa coñecer. Un equipo morto cando só van seis partidos de Liga. Alguén decatarase de que o Deportivo non é quen de meter tres goles en cada partido? Por que iso é o que precisa para poder gañar. Alguén pensou que o mellor que se podería facer é principar por deixar a portería a cero? Arriba hai calidade para marcar con certa facilidade; se se mantén a cancela pechada ao mello é máis doado gañar. Orde, talento e disciplina, que dicía don Arsenio. Aquí e hoxe eu só vexo talento.