Levaba tempo sen ollar un partido do Deportivo tan quedo, nin o de Las Palmas, do que tamén gustei. Para min o de onte era deses encontros que tiña que rematar con empate sen goles, porque ningún equipo fixo nada para marcar, pero xa se sabe que nisto do fútbol un simple rexeite remata coa pelota dentro da portería. O fútbol é como a vida, dáche unha labazada cando non contas. Gustoume a intensidade do Deportivo, gustoume a súa iniciativa, gustáronme moitas cousas perante un adversario máis forte. Todo, creo, pola intensidade, porque isto é fundamental no deporte de alta competición, xa que un equipo che pode gañar porque teña máis calidade, pero nunca porque amose máis intensidade. E onte o Deportivo non foi inferior en nada. Xa sei que o encontro rematou cunha derrota, outra derrota, pero o que ollei dáme azos para pensar en cousas mellores. Este Deportivo está a deixar de ser un simple grupo para ser equipo e iso é algo moi diferente. Xa me gustara o que dixera Cristóbal o venres cando falara dos laterais. Dixera que o primeiro que teñen que facer é defender, e algún valora este posto segundo centre, cando ese non é o seu labor principal. Primeiro atrás, a ver se se decata o da esquerda, e despois cara adiante. E xa vin onte a quen se botou a culpa da derrota. Non concordo. Debo ser o único, mesmo na redacción deste xornal. Só hai que ollar a barreira e decatarse de que futbolista deportivista estaba por detrás dos xogadores do Atlético que impedían o visión de Pantilimon. Iso é de alevíns.