Hai alguén que dicía que rematou o tempo das palabras e tocaba o tempo dos feitos, non falaba de fútbol. Concordo totalmente, mesmo para o que non é fútbol, pero xa neste eido tamén cadra esta frase. Onte o Deportivo perdeu en Málaga malia marcar dous goles e controlar o partido. Como se pode entender que se vas gañanado e controlando podes perder? Porque el fútbol es así, que diría o outro. Pero xa non abonda, porque os números falan de forma moi directa. A min gustoume moito máis o partido de onte en La Rosaleda que o que o Deportivo disputou en Eibar. De Ipurua voltou cun punto, de Málaga con ningún. Paga a pena o de Eibar? Para min non. Compensa o de Málaga? Tampouco. A diferenza está en que co xeito de xogar na cidade andaluza podes acadar resultados positivos noutros partidos e tal como foi o partido de Ipurua vas perder na maior parte dos encontros. Onte o Deportivo comezou perdendo, pero nunca tiven a sensación de derrota, nen mesmo cando o equipo locatario apertaba para acadar o empate. Vexo xa un equipo, un conxunto unido que sabe o que ten que facer, malia que por momentos certas individualidades fallen, que onte aconteceu en moitos casos. Estou amolado polo resultado e porque penso que co calendario que queda ata rematar a primeira volta non haberá moitas posibilidades de sumar, que iso é o que conta, pero cunha sensación distinta á de hai unhas semanas cando vías a un grupo de xogadores coa mesma camiseta que se adicaban a correr, ou non, detrás dunha pelota. Xa comeza haber equipo, pero tamén é o momento de acadar números, que son os que contan cando isto remate.