O Dépor botou a mochila ao lombo e sentou na súa cadeira da primeira de vintecinco aulas que espera visitar este curso na Coruña. Arrancou onte a serie de charlas Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis que fan o club e LA OPINIÓN coa colaboración de Vegalsa. O colexio elixido para estrear a nova era deste programa dedicado aos máis pequenos da cidade foi o CEIP Rosalía de Castro da contorna da Sagrada Familia, Os Mallos e Santa Margarida. Os alumnos de Sexto de Primaria deste centro puideron coñecer algo máis da historia do Dépor, da Coruña, dos valores deportivistas asociados ao mundo do deporte e tamén compartir algúns minutos con dous xogadores branquiazuis. Neste caso foron Juanfran e Kika, futbolistas dos primeiros equipos masculino e feminino, os que se achegaron ata a aula para responder a todas as preguntas dos rapaces, firmar infinidade de autógrafos e, de paso, botar a vista atrás e lembrar unha época que a ningún dos dous lle queda moi lonxe. A intensa mañá rematou cunha gran foto de familia cos xogadores na que participaron todos os nenos de Primaria do centro. Tolemia deportivista.

Pero Os Nosos Valores-Escolas 110% Branquiazuis é moito máis que unha visita e unha charla, en realidade é unha experiencia integral de deportivismo que ofrecen o Deportivo e LA OPINIÓN a case que mil rapaces da Coruña durante este curso. Ademais das conversas ata o mes de abril nas que estarán sempre dous xogadores (un de cada primeiro equipo), cada neno estará invitado pola entidade a asistir a un partido que xogue como local o Deportivo no estadio de Riazor. De Abegondo as áulas e das aulas ao templo branquiazul.

30

Os Nosos Valores - Escolas 110% Branquiazuis | Juanfran y Kika visitan a alumnos del Rosalía de Castro

Antes de que chegue ese momento, os rapaces do CEIP Rosalía de Castro tiveron onte a posibilidade trasladarlle as súas inquedanzas a Juanfran e a Kika. Moitas delas estaban relacionadas cos seus inicios no mundo do deporte. "Deuse a casualidade de que os meus pais non me podían recoller no colexio e apuntáronme a unha clase extraescolar de fútbol e facíao bien", avanzou Juanfran aos pequenos antes de seguir falando de como acabou sendo futbolista: "Ata os oitos anos tamén facía artes marciais. Gustábame e gústame o kárate. Seguiron apuntándome e apuntándome e aos dezasete anos fichoume o Getafe". Os alumnos tamén querían saber como foran os inicios da futbolista sudamericana. "Foi polo meu irmán. El marchaba a xogar e eu empecei a facelo con el, cos nenos. Despois chamoume a selección de Venezuela e xa tiven máis motivos: a miña familia e moitas cousas máis que me levaban a xogar ao fútbol".

A Juanfran tocoulle saciar a curiosidade dos rapaces que non sabían o que supón xogar cada quince días no estadio de Riazor. " Son como dous sentimentos. Primeiro está a presión por facelo ben porque temos unha afección moi grande e moita xente detrás. E segundo coido que é importante dicir que é un orgullo, unha alegría. Eu levo aquí catro anos e son moi feliz, xa case é a miña casa". O lateral do Deportivo tamén tivo a oportunidade de salientar a inxusta disparidade de trato entre o fútbol masculino e femenino ante a 'indiscreta' pregunta dunha das pequenas que quería coñecer cal era o soldo de ambos. "Hai moita diferenza, oxalá nun futuro haxa más igualdade. Somos moi afortunados os xogadores", asegurou o '2'.

A mesma filosofía

LA OPINIÓN e Vegalsa súmasen desta maneira ao proxecto Os Nosos Valores do Deportivo para acompañar, reforzar e tamén trasladar a filosofía do coleccionable histórico do xornal, 110% Blanquiazul, aos rapaces de dez e once anos da cidade. Compañerismo, igualdade de xénero, capacidade de superación... Esas cualidades e moitas máis, todas elas intrínsecas ao mundo do deporte e facilmente identificables no día a día e na idiosincrasia do deportivismo, seguirán estando e serán parte importante desta iniciativa educativa. A festa e as xornadas de sentimento branquiazul nos centros educativos só acaban de comezar e durante os próximos seis meses prometen deparar moitos momentos de felicidade aos máis pequenos.