Hai un problema serio no Deportivo que é preciso corrixir xa; e é que non hai partido no que o equipo non encaixe goles (si, en plural). Así é imposíbel gañar, mesmo o propio Cristóbal o recoñece. É un bo sinal, porque se coñeces o mal é máis doado atallalo. Alén deste asunto, gordo de si propio, hai outra cousa que tamén me preocupa, neste caso é Pedro Mosquera. Xa non sei canto tempo hai que non o vexo, digo como futbolista nun campo de xogo. Non sei que acontece porque para min é un futbolista non un simple xogador de fútbol. Ten calidade, ten moi bo pé, que se adoita dicir, ten mando, ten carácter, mesmo sabe meter o pé cando é preciso, pero non está ou está mal. Ademais, semella que ten moito peso no vestiario, dígoo porque é o capitán. Ten todo para ser alguén que marque diferenzas sobre o céspede, pero seica non. Por iso pregunto, por que? Este é un labor que ten que facer o adestrador xa que se trata dun valor importante do clube e do equipo; estou a falar dun futbolista que podería marcar diferenzas e ser decisivo en moitos aspectos do xogo. Pero non está. E ten que estar. Hai que facer algo para que estea pero eu non sei como, porque tampouco é a miña función. Hai moitos xogadores que acaban quedando en terra de ninguén porque a súa forma de ser non acompaña as virtudes que ten nun campo de xogo, porén, dáme que Mosquera non é deses, que ten a cabeza no seu sitio e que tamén a ten completa. Compre facer algo porque o Deportivo o precisa e con urxencia.