A Copa é un fraude. É sobre todo para os afeccionados que teñen que pagar prezos de Primeira División para ver sucedáneos de equipos con futbolistas de Segunda B ou mesmo de Terceira. Non é menosprezo aos futbolistas, é ao sistema. Como se sentiría calquera seareiro do Deportivo se vai a Riazor e o seu equipo se enfronta ao Las Palmas con seis xogadores do B -sei que a normativa obriga a ter sobre o céspede a futbolistas do primeiro equipo-. Moita xente leva tempo pedindo que isto mude, pero os grandes non queren. Vailles no peto. Deixouno claro Luis César, adestrador do Valladolid, o pasado martes. "La Copa no es mi guerra. Es la guerra de los de Primera y de los de Segunda B para hacer taquilla", e ten razón. "El método de competición es imposible para los equipos de Segunda. Que la jueguen los de Primera y la gane uno de Primera". Xa pasaron anos e aínda lembro a frase de Javier Irureta, cando era adestrador do Deportivo, dicindo que o sistema a dobre partido era o máis axeitado. Claro, o albiazul era un grande daquela. Que aliñación presentou onte Cristóbal? E que o que habería que facer é nin viaxar, pero as normas obrigan, como aos de Segunda e Segunda B. Todo a prol dos grandes. E se isto non abondase, seica Tebas di que pode haber dous partidos da Liga fóra de España. O Deportivo? E como se compensa aos seareiros? Este tipo, que está porque queren os clubes, olla todas as posibilidades de negocio agás para quen mantén isto: vostedes. Si, e máis que as teles.