Que importante é defender ben cando es cativo! Onte o Deportivo volveu deixar a portería a cero por terceira vez na temporada e por primeira vez desde o 15 de outubro, cando empatou con Eibar en Ipurua. Mais o salientábel non é que o equipo deixou o seu marco a cero, é que o traballo de todo o conxunto impediu que o Leganés rematase a portería. Non o fixo nin una soa vez entre os tres paos. Mérito do Deportivo. Todos gustamos de mirar cara adiante, pero as veces esquecemos que este tipo de equipos o que precisan é gardar primeiro as costas e despois facer o demais. Ou non lembrades como naceu iso que se chama SuperDépor? Ese Deportivo que Arsenio formou de atrás cara adiante. Si, primeiro pensou na defensa e despois arriba, nese once no que estaba Bebeto. Ese Deportivo terceiro e segundo que recibiu 33, 18 e 32 goles en toda a temporada con Liaño como porteiro menos batidos en dúas delas. Esa foi a chave do éxito de Arsenio Iglesias. Mesmo anos despois por estas datas houbo que mirar cara atrás, cando Miguel Ángel Lotina tivo que mudar a súa formulación e empregar defensa de tres centrais para saír do pozo. Non so saíu da zona perigosa se non que xogou a Intertoto o acadou praza na Copa da UEFA. Non digo como hai que xogar porque para iso están os técnicos -e este creo que sabe moito-, só expoño una idea. E a miña é que nestas situacións, primeiro a portería a cero e o resto chegará. Porque aquí, como hai uns aniños, aló polos noventa, arriba hai moita calidade e gol. Arriba saben facer.