As leis se son inxustas están para seren incumpridas, mesmo as do fútbol e sobre todo pola xente cativa. Xente u equipos, que segundo do que se fale vén ser o mesmo. Xa vai dabondo con que os encargados de aplicalas fagan o que lles pete como para ter que tragar con certas cousas. Unha desas leis inxustas é a que permitiu que onte o Barcelona se puxese por diante no marcador. Luis Suárez estaba en posición adiantada cando Iniesta lanzou cara Messi e tirou desa circunstancia para anotar. É un gol legal, sen dúbida, pero? Suárez está por diante con moita vantaxe sobre os defensores, por iso cando Messi recibe ten a posibilidade de ceder a pelota cara atrás, o que habilita a Suárez, porque os defensas xa non son quen de chegar a tempo para evitar o remate do charrúa. É legal, pero é inxusto porque deixa a un equipo nunha situación de indefensión tremenda. Non é nova a norma, de feito eu lembro que se estreara co galo dun Madrid Deportivo e que nese encontro marcara Raúl (teño dúbidas) que estaba vinte metros por detrás da defensa deportivista, pero como o balón foi por una banda e llo centraron puido rematar sen oposición. Foi como o de onte, pero máis alarmante. Diante disto hai que erguerse e protestar. Porque o conto é que que fose ao revés non sei eu que pasaría e menos con Mateu, que xa quixo amosar desde o comezo quen era o grande e quen o cativo. Os cartóns van para os de sempre, os cativos. Schär recibiu un cartón, pero os blaugranas por xogadas similares obtiveron un sorriso. Pois iso.