Asemana estivo un pouco quentiña polas pancartas de Abegondo e por algunhas palabras dalgún dos protagonistas do clásico de hoxe en Riazor. Algo fóra do que viña sendo costume nos últimos anos, pero que non compre sacar do que supón, agás que se pretenda outra cousa. Que os futbolistas falen buscando certos piques non é unha chamada á violencia, penso eu, chama a darlle un chisco de calor a un partido que é especial para os galegos, por riba de todo para deportivistas e celtistas. Hai rivalidade e ten que haber disputas verbais, habituais cada vez que hai un encontro destes. Se cada un de nós falase polo baixiño nestes días, case non pagaría a pena ir ao campo. Paréceme ben que desde abaixo digan iso do mellor equipo de Galicia, parécenme mellor as respostas que hai desde aquí, pois é simplemente ese xogo que ten que haber, que hai nas rúas de A Coruña e de Vigo, e mesmo doutras poboacións galegas nas que conviven branquiazuis e celestes. Como entender un partido destes dicíndolle ao teu amigo, e rival deportivo, que teña sorte? Non! Hai que rir, hai que intimidar, hai que vacilar, polo menos antes de que se xogue o partido, porque isto podemos facelo todos; despois do xogo so o poderán facer os dun lado. Estou convencido de que seremos nós porque a lotería cadra unha vez, se cadra.