Un gol que dá puntos, un neste caso, fai cambiar a visión do que é un partido, pero non as sensacións. Para min onte o empate é xusto porque ningún dos dous equipos fixo moito para marcar, e quizáis quen máis preto estivo no campo adversario foi o Deportivo, sobre todo despois da entrada de Çolak. Pero quedan as sensacións... Comezo polo remate. Semellaba que podería chegar o empate en calquera momento que os xogadores de Cristóbal acadasen o área do Villarreal, pero non chegaban ou o facían sen moito convencemento -agás Adrián-, ata que chegou o centro de Sidnei que cravou Andone. Se lle meten ese gol ao Deportivo botamos fume polas orellas porque os mellores atacantes nesa xogada son os locais co espazo que lle xeran ao brasileiro no seu percorrer desde campo propio, porque en todos os equipos hai erros grandes. E non quedaba nada! O punto estaba xa no peto. Semellaba! Non ollei tanto pesimismo ao longo do encontro, nin cando o equipo perdía, como neses derradeirois minutos. Se acadas o empate e o tempo xoga contigo, porque dubidar? Porque o equipo fainos dubidar, porque hai incerteza en cada acción defensiva, porque o medo está dentro do corpo dos futbolistas. E no meu. A verdade que é unico que me transmitiu calma foi Rubén -insisto en que hai porteiro- co seu dominio do seu espazo e o mando sobre os compañeiros. Mágoa que só sexa un. Onte foi sinxelo, balón a Çolak e xa abondou para que acontecese algo distinto. Non é difícil.