Un simple punto muda moitísimo a forma de ollar as cousas, ou foi o que vin u onte falando coa xente do meu entorno. Agora xa hai quen pensa en rematar a primeira volta con 19, que virían ser a metade dos que poden ser precisos para acadar a permanencia. É só pensar en positivo, pensar en derrotar ao Valencia malia a grande momento do equipo de Mestalla, que a pasada campaña levou un empate e na anterior marchou cunha goleada (3-0). Pouco ten que ver o equipo que adestra Marcelino co das campañas anteriores, aínda que xa amosou que ten ás suas debilidades caendo en campos nos que non pensaba. Riazor debería ser o seguinte pola necesidade que ten o Deportivo e pola obriga dos futbolistas cos seus seareiros, que levan xa dous meses sen ollar una vitoria do seu grupo en Riazor -a última foi perante o Leganés (1-0) o pasado 9 de decembro-. Demasiado tempo, con todo o que aconteceu polo medio. Xa é tempo de que os resultados vaian por diante das palabras porque este equipo tiña que ter feitos máis puntos e ter xogado moito mellor; mesmo tería que ter amosado moita máis consistencia, que é quizais un dos problemas máis graves que existen neste Deportivo, un conxunto feble sobre todo no psicolóxico. Un grupo de xente que sabe que calquera erro o paga moi caro e que todo o penaliza, e así é imposíbel xogar. Se un non confía en si mesmo dificilmente o compañeiro o vai facer e así con once futbolistas que teñen que fitar cara o seu carón polo que poida acontecer ademais de estar atento o que teña que facer un mesmo e co medo de facelo mal. Aí pode estar o principal problema deste equipo. Certo que cunha tirada de tres ou catro vitorias consecutivas o asunto podería amañarse, pero desde cando non é quen o Deportivo de facer iso? e, sobre todo, porque non é quen de facelo? As respostas serían tamén a solución a este e todos os demais problemas. Supoño que non será doado atopalas.