Estou certo que onte a noite todos falamos dos erros de Rubén e de Albentosa e da mala sorte de Adrián no remate do partido. O do asturiano semella a un erro histórico que ninguén lembra ou non quere lembrar, agás eu e algún máis. Entre eles un compañeiro e amigo que cando rematou o partido de onte preguntoume: "Que che parece máis grave o de Valerón ou o de Adrián?". "O de Valerón", respondín sen dúbida. Tivo o asturiano o empate nunha xogada franca para marcar, pero mandou o balón por riba da portería nunha acción que todos cualificamos de mala sorte; porén, no primeiro gol do Valencia todos temos certo que Rubén cantou, mesmo Albentosa cando perdeu o balón no segundo tanto visitante. Para min, son dúas xogadas diferentes co mesmo resultado. Na de Rubén o disparo de Guedes semella ser doado de parar, pero o porteiro esquece algo básico, de alevín, pór o corpo detrás das mans por se acontece o que aconteceu. Exceso de confianza? É posíbel. Albentosa foi exceso de non sei que e moito máis. Cando tes o balón nese momento telo que rebentar. Sen máis. Ese é un erro. E o de Adrián? Está so co balón e remata alto, que é iso? Mala sorte? E o resto son erros? Como cando o partido diante do Porto, do que so se lembra o penalti de César, pero se Valerón marcase cando recibiu un centro e estaba so diante do porteiro? Mandouna fóra. Pero iso foi mala sorte. Non! Todo ten que ter a mesma medida, coma onte. Para min é o mesmo o de Rubén que o de Adrián. Por certo, que os dous sigan xogando.