Onte non tiña eu ningunha esperanza, nin cando marcou Adrián e non é porque saiba moito, que máis ben non, é porque sei que o Deportivo ten un equipo que non sabe competir. E iso é moi grave. Cando só gañas dous partidos na historia no Bernabéu, mesmo na época máis grande do clube coruñés, óllase que ese é un campo deses que está como maldito, ou o que sexa. Perder diante do Madrid non é estraño, perder do xeito no que o Deportivo perde cada ano perante este equipo si que o é. Penso que cando o rival é superior tecnicamente a única arma que teño para igualar o encontro é a intensidade, pero se nese eido tamén perdes só acontece o de onte, que saes cunha malleira, a máis grande de toda a temporada. Eu gusto do fútbol, do bo trato ao balón, pero tamén do mal trato ao adversario. Diante dun rival sempre hai que ser intenso, correr, colocarte e meter o pé para sacar vantaxe en cada loita, pero aquí semella que ninguén o sabe facer. Intensidade, competitividade e gañas de quitarlle a pelota a un adversario que só fixo dúas cousas onte, pór esa intensidade e levar a pelota polas bandas para centrar. Que doado! Máis doado é cando Nacho mete dous goles dentro do área deportivista. Nun marcha de Luisinho, que queda mirando, e noutro da a reviravolta perante xa non sei quen para marcar con comodidade. Se un defensa é quen de facer iso que non farían os dianteiros ou centrocampistas coa calidade que teñen... Se non hai presión, se só ollas, acontece o que acontece. É un mal que creo que non ten cura.