Nestes tempos que os madrileños amosan que son forofos máis que xornalistas eu onte sentinme coma eles. Creo que sempre fun así, pero antes chamábannos pailáns -gústame porque meus pais son de Santalla e Monteaguado, e a miña familia está espallada por Arteixo e Laracha-, son un pailán de San Roque, pero non de Madrid. Chegado a este punto, levo moitas horas cun cabreo ou disgusto que non dou feito. Preguntei a amigos, exdeportivistas, exfutbolistas, adestradores, e ninguén soubo responderme. So é unha pregunta, so é saber por que o Deportivo non gañou. Xa pasaron horas e non o entendo. Cóstame. Estaba cabreado durante o partido porque agardaba intensidade, pelexa, e todo o que se supón para un equipo que ten que gañar, pero atopeime cun grupo de xente esperando e que perdía todos os balóns divididos, que non tiña intensidade, que estaba apocado. Si, non houbo intensidade. Non houbo gañas de morder. Non houbo nada do que eu agardaba. Porén, o equipo gañaba por dous goles, malia o árbitro -un paisano que pitou con criterios diferentes segundo a camiseta, moi perigoso este asturiano; non digo máis porque a entrada sobre Adrián... seguro que é internacional-. Parecía feito, parecía que chegaba a vitoria, pero non. Un rexeito outra vez, un golpeo xenial que desfai o traballo de dez homes que non cansaron de correr. Chegará o día no que o Deportivo saque de centro e marque un gol porque rexeita ou dá ou peta e? non sei que? Por todo isto, cheira a cousa.