As contas dan, pero as sensacións din outra cousa distinta. Hai o convencemento de que o Deportivo está en Segunda cando faltan nove xornadas por disputarse. Para min, certo é, isto rematou hai xa unas semanas aínda que de súpeto decateime de que había tempo e moitas posibilidades, pero despois do de onte xa non vexo nada. Teño unha razón que se basea na falta de seguridade dos futbolistas, na autoestima, que seguen a cometer erros de alevíns, como aconteceu onte no gol do Las Palmas. Nunca se pode esperar polo balón, sempre hai que ir por el. Alén diso, saín do estadio tocado polo que escoitei. Son libre para pensar e facer, polo tanto teño que aceptar a quen actúe do mesmo xeito, pero? eu aos meus fillos nunca lles vou desexar mal, nin a miña nai. Alá cada quen, Riazor onte ditou sentenza. Houbo berros de dimisión que chegaban da zona de Maratón e houbo silencio nas outras bancadas. Significativo. Curioso que despois de moito tempo se escoitasen berros que había tempo que non se producían. Xa dabondo tiña co resultado como para ter que pensar niso. Semellaba a algo amañado. Van sete anos de sufrimento e nunca tal escoitara, alá cada quen. O que vin e escoitei cando rematou o partido foi: pitos dos seareiros que quedaban no estadio e unha retirada triste, con resignación. Iso é o deportivismo, unha relixión que agora non acredita no que olla. Mais, ser deportivista non é ser dun xeito ou doutro, só é un sentimento e ninguén lle pode dicir a ninguén como sentir. Semella que algúns pretenden dar carnés en exclusiva.