Hai quen non perde a ilusión, nin sequera a esperanza, será por ese instinto de supervivencia que temos como especie humana. Positivos e optimistas coma min non sei se haberá moitos, pero máis ? e xa non teño nada, só resignación e con iso non se chega a ningunha parte. O Deportivo ten que facer sete puntos máis que o Levante e un máis que o Las Palmas no mellor dos casos; ten que sumar en nove partidos un terzo dos puntos que leva feitos en 29. Se existiren as milagres, quero pensar que están reservadas para cousas máis transcendentes. Quedan dous meses horríbeis con catro partidos en Riazor e cun ambiente que non quero nin pensar despois do que aconteceu o sábado pasado. Que facer? Supoño que os xogadores tentarán facer esa milagre porque para iso cobran e os dirixentes estarán xa pensando no vindeiro curso por moito que teñan a obriga de sentir certo optimismo. Sería o máis pragmático. Esa frase que circula desde hai un tempiño ("So falta que entre o balón") para que o labor do consello de administración acadase unha puntuación alta, pero vai quedar en suspenso, malia a que noutras parcelas do clube está preto do sobresaínte. Pero errou no máis importante despois de arranxar a situación no básico. E van catro temporadas consecutivas de riscos, de ilusións desfeitas, (máis outros dous con descensos) sobre todo nesta na que se marcaron obxectivos que xa son inacadábeis. O Deportivo tiña que ser décimo acorde co posto que ocupa en canto ao límite salarial, unha praza que está demasiado lonxe cando aínda faltan nove partidos. Foi o reto que marcou o mesmo Tino Fernández, aló polo comezo da competición. Pero o balón non entraba, nin entra. A consecuencia foi que se levou por diante a Richard Barral, que sempre se considerou o máximo responsábel do que fixese o equipo. O director deportivo saíu do club pouco máis dun mes despois da renuncia de Fernando Vidal, conselleiro responsábel do eido deportivo. Unha parcela que ficou núa e pendente de novos inquilinos. Niso anda o consello e debe apurar porque os outros xa o están a facer. Dixo Tino Fernández que decidirán aló pola segunda quincena de abril e xa tarda. E teñen outro traballo pendente, que penso que non depende tanto deles como de cuestión externas, que é atender á fractura social que se está a producir. Hai quen reclama eleccións para xuño, pero non hai que pedilo, se hai alguén interesado a acceder ao cargo de presidente teno doado: presentar a 5% do capital social e solicitar as eleccións anticipadas. Mentres tanto este consello está lexitimado para seguir ata xaneiro, segundo os accionistas. Depende del decidir se renuncia ou cumpre o seu mandato. Isto xa non é un clube deportivo, é unha sociedade anónima e non hai volta atrás. So queda facer o que fixo Tino Fernández cando decidiu presentarse hai catro ano e medio, e o mesmo fixeron Germán Rodríguez Conchado, Manuel Cascallar e Paco Zas. Foi Fernández Pico o que atopou máis respaldo e o obtivo ata xaneiro de 2019. Ata ese momento so lle toca traballar polo ben do Deportivo, con moito mellor acerto no eido deportivo que ata agora. Por certo, eu non me agacho, en agosto era dos que pensaba e dicía que había xogadores para moitísimo máis. Supoño que por iso eu non podo fichar.