Facer o que fixo o equipo na segunda parte non abonda para gañar partidos se se erran tantos goles como perdoaron os deportivistas, pero si pode chegar para que a xente recoñeza que polo menos olla algo sobre o céspede. Chegou a vitoria tan precisa, non sei se para a táboa, pero si para o estado anímico do deportivismo, e non só os futbolistas. De súpeto a ilusión volveu a Riazor, a afección saíu con certa fe do estadio e botando números, todo porque cre que aínda é posíbel. Está moi difícil por todo o arrastrado ata este momento e hai moitos puntos de diferenza co Levante, pero? e se agora gañamos tres partidos seguidos? Non o dixen eu, díxoo alguén máis positivo ca min. Pois diso é do que se trata nestes momentos, de crear un mínimo de ilusión e non renderse. Gañas, pelexa é o mínimo que se pode pedir e despois chegada para rematar. E onte entraron tres, pero tamén teño que dicir que a sorte segue lonxe de Riazor, porque con 2-1 o Deportivo podía estar en vantaxe máis ampla, pero estaba empatado en menos de tres minutos co primeiro remate andaluz a portería. E antes, un pao, dous paradóns de Roberto, ocasións perdidas. Felizmente chegou o terceiro. A ver se abonda. Polo menos servirá para que hoxe o deportivismo poida sorrir un pouco. E mañá? Pois mañá tomaremos os callos atentos o que aconteza entre o Levante e o Las Palmas. Éche o que hai, seguir ollando cara os demais, que son os que teñen unha ampla vantaxe na clasificación. De momento, aínda queda osíxeno para seguir respirando.