Perder perante o Villarreal non é un trauma; perder encaixando catro goles da forma que os recibiu o Deportivo, tampouco, pero é o resumo de todo o que aconteceu neste curso que xa rematou en Riazor. E iso que penso que onte o equipo puido empatar -no senso de que tivo ocasións claras para marcar tamén catro goles-, pero o partido non foi nada bo. Podo entender que con todo o peixe vendido é complicado xogar e sobre todo cun ambiente tenso -que sempre foi favorábel- que estaba máis ao que estaba que o que acontecía no campo. De todos xeitos, eu aínda lembro que cada vez que poñía un pantalón de deportes para saír a un campo de fútbol a min non me gañaba ninguén porque si. Eu xa non estou para moito, pero bufar aínda bufo. E iso é o que botei onte en falta. Xa sei que estou en Segunda; sei que o Villarreal precisa gañar para acadar un obxectivo e que, ademais, é superior, pero non me poden marcar os goles que onte recibiu Rubén. Non responsabilizo ao de Coristanco, como levan moitos facendo hai tempo, foron goles que chegaron como case sempre desde a esquerda. Casualidade? Non acredito nesas cousas. Pero uns son bendecidos e outros maltratados. E non por seren da casa mereces máis. Pero o fútbol é moito máis que facer que corres e moito máis que falar fóra do campo. E por certo, falando de fóra, eu cando marcho dun sitio, marcho. Non fago que marcho e quedo no cuarto seguinte e berrando o mesmo que berraba. Se marcho, marcho. Sobre todo se teño razón.