17 de mayo de 2018
17.05.2018

Tres semanas para elixir adestrador

Tino Fernández agarda a que remate a Liga para recibir "un informe da dirección deportiva" antes de decidir quen será o técnico - Estrella Galicia seguirá tres anos máis como patrocinador

17.05.2018 | 02:46
Tino Fernández e José Cabanas co agasallo que o Deportivo lle fixo a Hijos de Rivera.

O Deportivo agarda ter adestrador no prazo dunhas "tres semanas", segundo anunciou onte Tino Fernández, o presidente, no acto de presentación da renovación do patrocinio de Estrella de Galicia co club branquiazul. "Non temos data, nin tampouco unha idea concreta do prazo, pero semella lóxico que se faga -o anuncio do nome do adestrador- antes de que remate este mes ou ao comezo do vindeiro xuño", asegurou o dirixente deportivista.

Fernández Pico non quixo falar moito do nome do técnico, mesmo non desbotou a posibilidade de que continúe Clarence Seedorf, opción que perde posibilidades, porque prefire "agardar a que remate a temporada", algo que acontecerá o vindeiro domingo, e a "partir dese momento será a dirección deportiva a que presentará un informe ao consello de administración e, posteriormente, adoptaremos unha decisión", explicou.

Non serán só os dirixentes os que decidan o nome do adestrador que tente levar de novo o Deportivo á Primeira División, "este é un traballo en equipo, como dixen moitas veces, no que está a dirección deportiva, o consello de administración e os técnicos do clube", engadiu o máximo representante do clube da praza de Pontevedra. Tampouco especificou se quere un tipo concreto de adestrador, un que defina un estilo preciso. "O que quero é un Deportivo gañador, un Deportivo que cantos máis partidos gañe, mellor", afirmou.

Tino Fernández agradeceu a Estrella Galicia a renovación do contrato de patrocinio por "tres anos máis nun momento deportivamente complicado", nun acto no que tamén participou José Cabanas, Chief Marketing Officier de Hijos de Rivera, en representación da empresa cervexeira coruñesa, "principal accionista do Deportivo", segundo lembrou o presidente do club branquiazul.

Este novo acordo permite "manter e aumentar a aposta polo Deportivo" cun incremento económico conforme ao que se prevía en caso de descenso, pero inferior a se o equipo mantiña a categoría. "Os ingresos descenden en todos aspectos, como figuran en todos os contratos", aclarou Tino Fernández. O presidente agasallou ao representante de Hijos de Rivera cunha reprodución dunha folla do xornal El Noroeste de 1909, cunha previa dun amigábel do Deportivo no que se ofrecía ao gañador "once" ducias de cervexas. Unha mostra do camiñar da man que manteñen o Deportivo e Estrella Galicia desde o seu nacemento aló polo 1906. "Un vencello que sempre estivo aí", lembrou José Cabanas, durante a su intervención no acto que se desenvolveu na cervexaría de Estrella Galicia na zona de Catro Camiños, "o templo", como o denominou o presidente do Deportivo e como denominan o recinto unha morea importante de coruñeses.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

Buscador de deportes

Información patrocinada
Enlaces recomendados: Premios Cine