Xa están de vacacións! E algún gabouse onte con moita máis ledicia da que debería, polo menos en público, mentres outro quedou sen xogar cando o podería ter feito polo serán en Extremadura. É iso que chaman compromiso. O futbolista que marca diferenzas no Deportivo -segundo din moitos-, estaba feliz de que rematase o conto. Non seguirá. Non debería aínda que quixese, que non é o caso. Hai xente que non debe ter nada debaixo do cabelo segundo amosa en cada comentario que fai, nin pensa no sentimento deses milleiros de seareiros que o defenderon durante todo o ano, eses que quizais non teñan vacacións e chega ao verán con bágoas e que no vindeiro curso volverá estar nas bancadas. Pouca cabeza. Queda traballo por diante agora que rematou un conto cun final xa coñecido. Moito por facer e pouco tempo. Non é xa acertar, é traballar para que dentro dun ano as cousas sexan totalmente distintas. Na praza de Pontevedra haberá traballo no eido deportivo, neste momento o máis importante, pero tamén no administrativo/social porque terá que haber unha xuntanza de accionistas. Mais mentres non se celebre, o clube non pode parar e a xente que está á fronte ten a obriga de seguir cada adiante. E ten traballo. O primeiro será o adestrador, o resto virá despois. E os que son felices porque xa teñen vacacións, que paguen e sigan, pero moi lonxe de aquí. Hai para min unha palabra que marca o estilo de vida de cada un: respecto. E iso, polo menos onte, houbo alguén que semella que o esqueceu.