Carmelo del Pozo ten razón en moitas cousas das que lle escoitei, pero eu saliento unha: compromiso. Moitos dos futbolistas do Deportivo teñen nome para seguir en Primeira, malia que os seus resultados sexan de Segunda -velaí os números-, peros os nomes non o son todo. Xa o dixo Del Pozo, quere homes comprometidos e non nomes. Vén sendo iso de que un equipo non se fai con once Çolaks nin tampouco con once Borges, trátase de ter un equipo, algo compensado e equilibrado. Que Andone quere marchar? Entra dentro do normal porque é un profesional e quererá medrar deportivamente e gañar máis cartos, para xogar por sentimento ao mellor seguiría no Atlético Baleares ou no equipo que se formou, como acontece con todos os futbolistas. Un xogador vai polo mundo por cartos, non por sentimento, porque se fose así seguiría sempre no equipo no que comezou. Non hai que ir ao fútbol profesional, mesmo acontece noutras categorías. Cando eu era mozo, e xa choveu, a xente da Coruña -entón dicíase a capital- marchaba ás Mariñas ou á Costa a gañar cartos. Moitos cartos para a época. Estabas no equipo de teu barrio, cos teus amigos, pero viña un dos clubes fortes da costa e pagábanche ?X e marchabas, claro que marchabas. Pois iso hai que trasladalo á elite. Entendo que queiran gañar cartos, pero se non abonda co que gañan aquí, mellor que marchen. O asunto é cando se xuntan as gañas de progresar profesionalmente e o sentimento. Neste caso refírome a Róber Pier, ao que non coñezo de nada. Ten un problema serio porque se lle xunta unha decisión cerebral e unha decisión sentimental. Xa lin a moitos que falan dos demais sen saber o que din. Xa lin críticas a Róber se pensa que non é o momento de vir ao Deportivo. Quería velos a eles no seu lugar. Xa se sabe que o falar non ten cancela, e falar fálase moito cando un non ten que mollar os pés. E se fala e discute de ouvido con quen viviu certos momentos. Nisto, case todo vale.