FERNANDO BRANCO PARGA EX DEPUTADO DO BNG FERNANDO BRANCO PARGA
No proceso que emprendeu o goberno do PP de acoso e derrubamento do proceso eólico realizado polo bipartito, anúnciase a creación dun canon polo que deberán pagar algunhas instalacións eólicas en Galiza.
Unha primeira cuestión estrañamente curiosa é que, segundo anuncia a Consellaría de Economía e Industria, a cantidade que se prevé recadar no futuro a través do canon coincide aproximadamente coa contía derivada dos beneficios económicos que se estimaban no modelo implantado polo nacionalismo no goberno galego a través participación pública.
É como se a Xunta do PP quixese equiparar unha figura (un imposto cunha única intención de facer caixa) con outra (presenza no capital das empresas promotoras), querendo descoñecer que a participación pública no só xera dereitos económicos senón tamén políticos. Estes permitirían á Administración pública velar polo interese común a través da implicación no desenvolvemento da enerxía eólica dende o interior das empresas (participación nas xuntas de accionistas, consellos de administración,...). Isto non acontece nun canon que, unha vez satisfeito, dá patente de corso ás empresas para actuaren ignorando ese interese común e afasta o poder público das decisións empresariais.
Nun exercicio de "orixinalidade" tributaria, a Xunta actual tenta xustificar este canon nos impactos visuais e paisaxísticos dos aeroxeradores; mais neste mala copia, o PP cae en demasiadas contradicións que non aclara.
A primeira sería explicar por que agora pretende implantar un canon sobre a enerxía eólica cando, en decembro do 2008, hai só nove meses, o Partido Popular votaba en contra, no Parlamento Galego, da creación do canon hidroeléctrico que precisamente grava a incidencia ambiental dos encoros.
En segundo lugar, sorprende a elección deste instrumento -o canon-, cando Galiza, privada polo Partido Popular dun Estatuto de Nación, ten moi limitadas as competencias autonómicas no sector eléctrico; de feito, só se poden regular dende a administración galega as instalacións do denominado réxime especial, é dicir, aquelas de menos de 50 megawatts; as instalacións con potencias superiores son de competencia estatal segundo se estabelece na Lei do Sector Eléctrico. En consecuencia, pódese dar a circunstancia de que a Administración Central autorice algún parque eólico con potencia superior a 50 MW (xa ten algunha solicitude concreta), e que estes parques non paguen ningún canon en Galiza.
Como terceiro elemento contraditorio, está o feito de que a enerxía eólica en réxime especial, sobre a que pretende actuar agora o PP, a diferenza doutras fontes enerxéticas como a hidráulica, é unha enerxía que, por riba do seu custe de produción, recibe primas económicas. Unhas primas que pagamos todos/as a través da tarifa eléctrica, para favorecer a implantación das enerxías renovábeis. Non semella moi acaído primar publicamente unha enerxía e logo cobrarlle un canon a modo de penalización.
Sen entrar a máis cuestións "colaterais" que tamén xera a creación deste canon, estamos diante dunha grande chafallada administrativa que vai xerar un tremendo embrollo xurídico. E todo isto faise porque ao goberno do sr. Feijóo só lle interesa derrubar un concurso transparente e rigoroso, sen ningunha tacha de legalidade, que favorecía os intereses da economía produtiva galega.
Faría ben o PP en explicar publicamente cales foron os beneficios obtidos polo pobo galego dos máis de 4.000 Mw autorizados por eles cando gobernaban e, xa de paso, tamén informar de cómo se autorizaban, de como naquel momento trataron a Rede Natura (por exemplo, lembremos a terríbel experiencia do Xistral), a quen lles autorizaron os parques eólicos e cantas empresas adxudicatarias nos gobernos Fraga tributan en Galiza.
Porque así comprenderíamos mellor esta obsesión por demoler un proxecto -o concurso eólico-, que favorecía a economía real de Galiza e xeraba beneficios económicos e políticos na participación pública neste sector enerxético que é estratéxico para o País.