EUROPA PRESS
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deuse hoxe dez días de prazo para intentar consensuar unha proposta sobre o futuro das dúas caixas galegas --Caixa Galicia e Caixanova-- con formacións políticas, empresarios, sindicatos e as propias entidades, ás que esixiu "responsabilidade".
"As caixas son responsables ante toda a sociedade xa que da súa decisión depende que Galicia acerte no mapa financeiro de España", argumentou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, onde anunciou que enviará unha carta aos responsables de entidades, partidos, sindicatos e empresarios para facer "unha reflexión conxunta".
Así, certificou que, tras meses de "prudencia e rigor", o seu Goberno concluíu as análises económicas nos que traballou ata o momento e avanzou que "lle gustaría" presentar a súa proposta antes de emprender unha viaxe a América que prevé iniciar o próximo 2 de decembro, pero despois de "poñer en común" as súas conclusións con todos os actores sociais.
"A Miña axenda está á súa disposición porque o futuro das caixas é un asunto fundamental", sinalou e aclarou que non acudirá ás reunións cunha proposta pechada, senón con vontade de diálogo. "Non podemos pechar os ollos nin as orellas porque non xogamos sólos e supoño que eles tampouco", subliñou e manifestou o seu desexo de que se hai "algún cambio" sexa "recíproco".
RESPONSABILIDADE COMPARTIDA
Feijóo incidiu en que a concentración das caixas é un proceso "irreversible" no marco estatal e pediu "cooperación responsable" aos actores sociais co obxectivo de que Galicia "permaneza no mapa financeiro español". "Hai que acertar entre todos para que as caixas que queden en Galicia sexan solventes", advertiu.
Neste sentido, asegurou que espera "unha posición responsable" da oposición, reivindicou o papel "necesario" dos sindicatos para ver "como recuperarse" do axuste de equipo e dos empresarios, propostas para que Galicia "non perda peso económicos".
"Todos somos responsables das nosas posturas, pero a decisión corresponde ás caixas", reiterou, aínda que insistiu en que a Xunta non vai eludir as súas competencias --ten a tutela financeira e capacidade de veto--. "Se hai unha proposta conxunta, poderémola presentar todos xuntos, e senón cada un presentará a súa", resolveu.
SEN PRESIONS
Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo negou tamén rotundamente recibir presións da dirección nacional do PP de cara ao impulso dunha fusión virtual entre Caixa Galicia, Caixa Madrid e a Caixa Mediterráneo (CAM) valenciana.
"Presión ningunha", sentenciou o presidente para advertir, o tempo, de que se alguén "cometese o erro" de facelo, "fracasaría". "E un tema de Goberno e das forzas da oposición, pero hai que abstraerse do partido, porque gobernamos para todos", sinalou e reiterou que non seguirá "indicación ningunha do PP.
Sobre as denuncias do seu partido de que é o propio Banco de España o que alenta esta fusión, Feijóo preferiu non opinar. "Permítanme que omita a miña opinión por responsabilidade", subliñou e agregou que isto non significa "que non a vaia dar". "Pero non de momento, por ser respectuoso", resolveu.