EUROPA PRESS
O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, asegurou hoxe que o seu partido "se opón frontalmente" a unha fusión de Caixa Galicia con Caixa Mediterráneo e Caixa Madrid, do mesmo modo que "a calquera outra que desprace o centro de decisión das caixas galegas de Galicia", polo que atribuíu o deseño "desa trama de absorción" da entidade galega ao PP e ao seu xefe de filas na comunidade e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Despois de que o PP acusase o vicesecretario xeral do PSOE e ministro de Fomento, José Blanco, de "premer" para pechar esta fusión, o líder dos socialistas galegos vinculou estas afirmacións coa "deriva" dos populares. "Blanco xa dixo onte que iso era rotundamente falso", resolveu.
Reforzou este extremo ao sinalar que "se algo caracteriza" ao ministro de Fomento é "a súa intelixencia" e razoou que "apostar por fortalecer ás caixas do PP non sería moi intelixente". "Que saibamos, o presidente de Caixa Madrid chámase Rodrigo Rato", remarcou, ao tempo que recordou que as comunidades de Madrid, Valencia e Galicia tamén están gobernadas polo PP.
Tras incidir na súa oposición a que os centros decisorios das caixas galegas se despracen da comunidade, criticou que "quen segue sin falar é Feijóo". "Non sabemos o que quere", sentenciou Vázquez, e recriminou o presidente do Goberno autonómico que "dende hai 40 días, fala todos os días das caixas e non di nada ningún día".
"Xa sabemos que o seu ámbito, a conselleira de Facenda e eses voceiros que ten, se quere fusionar con Caixa Madrid", apuntou o dirixente socialista, para concluír insistindo en que Feijóo "ten que dicir xa a súa opinión a este país".