EFE
O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mostrou hoxe a súa "absoluta preocupación" por como se están sucedendo os acontecementos arredor do futuro das caixas galegas, pois, dixo, "é máis que evidente que o futuro está escrito e na nosa opinión vai para a deslocalización".
O dirixente nacionalista indicou, nunha rolda de prensa conxunta co secretario xeral de CCOO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez, que "se non hai unha reacción das forzas políticas, e sobre todo do presidente da Xunta, o futuro das caixas está escrito: deixarán de ser galegas se as cousas seguen por onde están indo".
Afirmou que no BNG "sabemos perfectamente cal é o deseño do Estado, as presións que existen para que triúnfe", e por iso pediu "saír do silencio, porque cada día o panorama é máis preocupante. Non queremos que chegue o día no que teñamos que dicirlle á cidadanía que non se pode facer nada", sintetizou.
Guillerme Vázquez cominou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a que "convoque todas as forzas políticas para chegar a unha posición de país" con respecto ao futuro das caixas e tamén lle pediu o seu apoio e o do seu partido, o PP, á proposición de lei presentada polo BNG no Parlamento.
Defendeu a necesidade de "blindarse" xuridicamente e de "dotarse das medidas legais necesarias" para que a Xunta teña "capacidade de decisión e competencias fronte a fusións extraterritoriais e perante posibilidades de alianzas con caixas foráneas", e lembrou que a Comunidade de Madrid así o pretende.
O líder nacionalista considerou fundamental "empezar rapidamente a discusión sobre unha nova lei de caixas", xa que "todos coincidimos na necesidade dun novo marco legal", dixo, "pero non abonda coa declaración de intencións senón que se necesitan medidas concretas".
Guillerme Vázquez pediu por último que o PP galego se desmarque da postura da sede nacional do partido sobre "unha das cuestións máis importantes desde o punto de vista político, económico e social".
O secretario xeral de CCOO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez, tamén avogou pola unión das forzas políticas e tamén sociais para "buscar unha saída de consenso que permita manter as caixas e a súa función social en Galicia".
Sánchez mostrou a súa "oposición rotunda a calquera saída de fusión ou absorción por caixas foráneas" e defendeu "que se manteña en Galicia o centro de decisións, e o que se xera aquí débese investir aquí. Iso témolo moi claro", rematou.
Unha vez máis criticou "a opacidade absoluta" das propias caixas e da Xunta e esixiu "que as decisións que se tomen se fagan en clave deste país e que non interfiran outros intereses externos".
Lamentou que "no fondo" exista "un debate que non se traslada á sociedade" e detectou que en España, "como noutros países de Europa, hai un interese claro por conseguir a privatización ou a desaparición das caixas de aforro".
O secretario xeral de CCOO en Galicia indicou que se debe manter a actual definición das caixas de aforro xa que "é o máis parecido que temos á banca pública e a súa contribución ao progreso social foi decisiva".