-Ferroatlántica semella estar convencida de que vai vender as centrais da súa comarca aínda que a norma non o permita, Non?

-Si. A empresa non é crible porque a súa situación financeira está todos os días na prensa, coa constante venda de activos. Cando se fixo a fusión entre Ferroatlántica e Globe dixeron que esa operación destacaron coma unha das máis importantes sinerxias a división de enerxía de Ferroatlántica, como cobertura ante a inflación de precios da enerxía que pode haber a nivel mundial? Se isto é o que pos en valor, cómo é posible que o queiras vender? Ferroatlántica e a Administración estanos dicindo que as empresas electrometalúrxicas son só rendibles se teñen unha enerxía barata e o están demostrando subvencionando a enerxía como Alcoa. Neste caso con 26 millóns para que sexa competitiva e ainda así quere vender un activo tan importante? Alguen nos están mentindo.

-Que lle pareceu a comparecencia do presidente da Xunta no Parlamento?

-Mantivo a mesma posición que na reunión cos alcaldes e penso que está tentando defender a nosa postura pero non pode dicir que non está enterado de nada porque iso significa que a empresa non está a respectar ao presidente da Xunta cando o que se pretende é mudar as normas da concesión. Ou a empresa estanos tomando o pelo ou non temos políticos que defendan o país. Aí hai que dar un toque de atención.

-Se as centrais aportan á conta de resultados 7 millóns, coa interrumpibilidade, xa son 33 millóns, e sen gasto, non?

-Estas plantas son as máis competitivas das 15 que ten a empresa no mundo polo prezo da enerxía. E que pasa se se perde a interrumpibilidade na subasta? Quen lle garantiza un prezo máis baixo? Que máis quixéramos nós que o resto das fábricas tivesen esas condicións para que ninguén puidera competir xa con Ferroatlántica.

-O presidente de Ferroatlántica, Pedro Larrea, estivo de visita hai pouco pola súa comarca. Reuniuse cos alcaldes ou tiveron algún coñecemento do plan industrial que plantexa?

-Non. O único que soubemos é que se reuniu co comité de empresa.

-Non teñen contacto directo con Ferroatlántica?

-Non. Temos cos directivos locais. Larrea tivo a súa primeira reunión na comarca conmigo para comentarme que quería vender pero nunca puxo sobre a mesa ese plan industrial que está saíndo por aí.

-Cando foi esa visita? Que lle dixo vostede?

-Ao principio, cando se soubo que se ían vender as centrais e Larrea veu falar conmigo e co alcalde de Cee. O único que lle dixen é que agardaba que non me viñera falar do chamado forno 23; mostreille a documentación que teño sobre el e díxenlle que iso xa non era crible, porque comezou no ano 1999 e o que poden é ofrecer que se remata. Pero non mo presentou. Daquela o plan industrial non tiña nada que ver co que é agora, parece que vai crecendo e abónase cada día e agardo que aínda siga crecendo máis. Díxome que quería vender as centrais e que era unha oportunidade e que con eses cartos podían facerse cousas. Díxenlle que as centrais formaban parte do noso ADN. Ferroatlántica non é nosa pero considerámola nosa, é o único motor que ten A Costa da Morte e non imos intentar paralizar un plan industrial como o que está funcionando por outro que non se sabe.

-Algo xa se sabe...

-A Costa da Morte claro que quere un plan industrial. Somos os primeiros, nolo debe o país e iso sábeo o presidente da Xunta, que levamos sacrificado moito. Se colles o plan industrial, dos 255 millóns, 100 son para recuperar o leasing, que son cartos que xa conseguiu Ferroatlántica e repartiu con todo o mundo. E o resto din que o van invertir en Puertollano, Sabón? E en Dumbría, 50 millóns? Pero se se vai facer un parque eólico de 70 megavatios en Muxía e son 70 millóns! E van repartir incluso fora de Galicia? Alguén debería estudar isto a nivel técnico. Se algún economista ou xornalista ve isto como un negocio, temos o país que temos.

-As centrais foron hipotecadas tres veces con leasing...

-Si, para comprar, para financiar todo o grupo Villar Mir e agora volveron ser hipotecadas en 2013 mediante leasing. Se lle engadimos unha media de 20 millóns de beneficios que tiveron nos últimos 20 anos, tal e como consta nas súas memorias oficiais, son 400 millóns de euros que recibiu esta empresa. Se non lle fan falta as centrais, que nolas regalen a nós. A solución é que pasen aos concellos, se sacan un beneficio de 5 millóns, creamos nós todos os postos de traballo (risas).

-Que lle pareceu a decisión dos traballadores de Sabón de aceptar o plan industrial a financiar coa venda das centrais?

-O comité de Sabón non estivo á altura. Ten que haber unha unidade dos políticos, social e dos traballadores e esa unidade estase rompendo agora.

-Por Sabón?

-Home! En primeiro lugar, digoo claramente, os encoros costaron a nosa comarca sangue, suor e bágoas, estiveron financiando a actividade de Sabón. Que non veñan dicindo agora que a auga é de todos; as centrais están en Dumbría y están clarísimamente y únicamente para as fábricas de Cee e Dumbría e se agora non reparan en todo o que estivemos aportando ao grupo, comprenderán que nós podamos esixir que calquera actuación sobre os encoros sexa única e exclusivamente para A Costa da Morte.

-Que lle parece que o acepten cando non inclúe como garantía o proxecto estrela de Sabón, que é a fábrica de silicio solar?

-Teñen un préstamo de 25 millóns para facer esa fábrica e a promesa feita nas autonómicas, de que se vai facer. A bote pronto, podes dicir: "é normal que os do comité de empresa de Sabón pensen que van ter un proxecto para eles e o apoien". Eu tamén podo dicir; que veña para Dumbría ademais do forno 23, o do carbón vexetal e dous fornos máis e que se faga todo en Dumbría. Se estás mirando só para ti, para o teu, estasnos liberando de esixir o que temos que esixir. Non teño porque pensar en Sabón porque Sabón non pensa en min.

-Esixir toda a inversión para Dumbría?

-Claro. Esa non é a postura lóxica. O que hai que intentar é que as plantas funcionen. Xa non é normal, e o comité de Cee e Dumbría merece un tirón de orellas, que a 70 kilómetros, na planta de Sabón, os traballadores estean cobrando máis que os de Cee e Dumbría.

-Ah si?

-Este non é o momento de falar diso pero parece que Sabón é a privilexiada e agora se aparta de Cee e Dumbría? Coidado que os encoros están ligados ás nosas plantas. Dumbría non pode perder ese aval porque ten dúas vertentes, producción de enerxía para as fábricas de Cee e Dumbría e que as dúas actividades estean unidas. E tamén unha mensaxe para a empresa, iso me está garantindo os postos de traballo durante o tempo da concesión, que son 75 anos. Aí está o tema.

-Pero se esa factoría aprobada para Sabón non está garantida pódese facer na súa comarca.

-En teoría si, pero eu xa non digo iso. O do comité de Sabón? Din que non teñen nada que ver, que a venda das centrais non está no seu acordo pero saben que están vendendo os activos. Non está nomeada, pero claro que está.

-Teñen cuantificadas as axudas concedidas a Ferroatlántica nesa zona?

-Ferroatlántica sempre se moveu intentando obter cartos da Administración. Porque ten tamén un activo importante que son as minas de seixo de Serrabal. Aí viuse claramente que o que intentou foi sacar cartos da construcción do AVE e digo máis, aí os comités de empresa pelexaban para que se lle pagase porque tiñan medo. Daquela actuaban para empresa e agora hai que ver cómo actúa a empresa con eles. Tamén podemos poñer sobre a mesa a venda de Serrabal. A nosa comarca está tan vencellada coas centrais que cando houbo que facer o encoro, fíxose, non houbo protestas nos oitenta. Fixeron desaparecer a fervenza do Ézaro, houbo un pleito por iso e tiveron que depositar seis millóns de euros á espera do xuizo en compensación por ter pechado a fervenza. Agora están facendo unha ampliación da potencia en tres das centrais e ninguén está protestando porque coidamos sempre que era para soportar os 400 postos de traballo. E por certo que agora nos din que queren facer un plan industrial e investir 50 millóns na zona e aínda nos quedan a deber porque había 400 postos de traballo directos e agora quedan 280.

-A unión sindical parece que non existe, haina entre os alcaldes da zona?

-Sí, é total. O éxito de todo isto foi que cando en 1992, Ferroatlántica mercou Carburos Metálicos e quixo segregar as actividades enerxética e das fábricas, houbo unha unión total política, social, sindical e foi fundamental. A unidade sindical está agora un pouco rota, entre comillas, con Sabón. Agardo que entre Cee e Dumbría non se rompa e que hai que actuar para que iso non ocorra. Eu personalmente non estou dacordo coa folga convocada o venres polos traballadores de Cee e Dumbría. Ata o momento hai unha unidade terrible. E en principio está garantizada polo presidente da Xunta, porque se comprometeu e a xente creu e eu fun o primeiro que Alberto Núñez Feijóo non nos vai deixar na estacada. Outra cousa é que despois diga no Parlamento que vai defender o interés de toda Galicia. Digo: Si, pero hai uns datos concretos e claros: Desde o ano 1900 todo isto está condicionado a estas fabricacións.

-En 1992 houbo ata unha folga xeral contra a segregación de actividades pero agora non está dacordo coa folga dos traballadores. Por que?

-Porque creo que non se están dando os elementos para ir a un tema tan drástico. É unha opinión totalmente persoal. Respecto totalmente as decisións do comité. Son eles os que están levando a batuta e nos imos detrás empurrando. Non lle podemos dar a posibilidade á empresa de non cumprir as condicións da interrumpibilidade porque se perden os 26 millóns de euros.

-Pensa que é un risco real?

-Quen me dí que a empresa non pode intentar utilizar iso para presentar un ERE?

-Pensa que se lle poden dar motivos con isto?

-Si. No Parlamento, Feijóo, e todos os grupos políticos están dacordo na mesma postura que o comité defende. Creo que a folga hai que tela no momento claro. No 92 a Xunta non estaba dacordo con nós. Era a última baza que tiñamos, a baza tela que aguantar para o momento oportuno. Pero eu pido unidade nos partidos políticos. Tampouco me gusta que algún políticos se absteñan nas propostas doutros.

-Refírese ao BNG?

-Se andamos niso, facendo política. Eu tamén podo facela. Creo que a imaxe que se da é de desmarque e preocúpame transmitirlle a xente que a cuestión é arranxar este problema e non nós. É un tema de como garantir o futuro e de postos de traballo que precisa a comarca. Hai colectivos que temos mais responsabilidade da que os traballadores pensan incluso que temos.

-Hai coaccións de Ferroatlántica na comarca contra colectivos sociais, como denunciaron os traballadores e En Marea no Parlamento?

-Saiu na prensa que houbera visitas tocando a entidades que foron subvencionadas ou recibiron axudas da empresa. Iso foi público. Creo que a coacción, se a hai, é ese medo que están lanzando non solamente a empresa senón medios de comunicación que parece que son afíns e escriben ao dictado. Basta con ler artigos e editoriais e vese o que está a pasar.

-Voltando ao tema da Xunta, hai sindicatos ou sindicalistas que non cren os compromisos de Feijóo e Francisco Conde. Que pasaría se mañá a Xunta acepta a venda?

-Pois que tería un problema moi gordo. Aquí todo pasa por garantizar os postos de traballo en Cee e Dumbría. A comarca non entendería esa decisión.

-Quedaría pequena a protesta do 92?

-Eu penso que si. O que ten que quedar clara é a ameaza actual. A empresa di: se non vendo, non teño cartos para seguir e preciso cartos para facer cousas novas. Se estás morrendo, vas cambiar de actividade ou intentar salvarte? E se cambias de actividade, podes facelo eiquí.

-En caso de que se autorice, estudian levar esta cuestión aos tribunais?

-Desde o Concello de Dumbría si hai esa posibilidade. Vemos que mudar a concesión é un tema totalmente ilegal. Podemos cambiar a concesión cando nos de a gana? Creo que non fará falta chegar a ese nivel.