Cristóbal González Triñanes (1972) é a faciana da renovación de CCOO na comarca da Coruña. O novo secretario xeral do sindicato, que asumiu o cargo a finais de marzo, asegura que é o momento de retomar a acción sindical "á vista de que a recuperación económica xa é unha evidencia" pero non se traslada "á totalidade dos traballadores".

- Acaba de chegar ao cargo. Que supón asumir o posto?

-Levo dende 2006 como secretario de Organización man con man co compañeiro que o deixou por motivos persoais [Demetrio Vázquez] polo que é o relevo lóxico. Ademais estamos nun proceso de cambio xeracional a nivel interfederal. Asumo novas responsabilidades, con outro xeito de traballar, pero as liñas mestras mantéñense.

- Que retos se pon para os próximos catro anos?

-Son os xerais do territorio nacional: combatir a precariedade, derogar a reforma laboral, o futuro das pensións, a igualdade? Os que reivindicamos en cada acto e cada 1º de Maio. Ademais, os case tres anos de teórica bonanza económica non se reflicten na totalidade dos traballadores. Hai unha deriva dos cartos aos petos dos máis ricos, os empresarios, e saen das rentas do traballo, que se ven mermadas.

- É hora de subir os soldos?

-Aspiramos a chegar aos 1.000 euros de salario mínimo. Debemos ter soldos dignos que den para vivir. A maior parte dos salarios novos, en traballos precarios, non da para chegar a final de mes nin para facer un proxecto de vida.

- A negociación colectiva, débese tratar en xeral ou con diferenzas por autonomías ou sectores?

-Cada sector ten as súas peculiaridades. Hai que ver o punto de partida. Non nos gusta vincular as subas salariais á evolución das ventas ou outros aspectos alleos á labor do traballador. O importante é o nivel de vida; non pode ser que os soldos cada vez den para menos. O IPC é o marcador válido para a evolución dos salarios e a partires de aí pódense buscar indicadores por enriba.

- Falabamos da renovación do sindicato. Facía moita falta?

-A xeración da transición viviu unha realidade moi distinta, máis difícil, á dos que nacemos nos anos 70-80 e ese pouso reivindicativo, a experiencia e a súa mochila de carga ideolóxica non se poden perder. Esa xente ten que estar como referente. Pero o mundo do futuro escápaselles porque a metade dos traballos que se crearán neste século non existen. Non digo de deixar o espírito reivindicativo de hai 40 anos, pero fai falla un prisma distinto.

- Canto dano fixeron aos sindicatos os casos das tarxetas black de Caja Madrid ou dos ERE?

-Moito. O problema é que en calquera grupo amplo é difícil garantir que todas as persoas son decentes e honradas. Hai unha tendencia a colocar aos sindicatos ao mesmo nivel da política e das institucións, e non somos iso. Os casos de corrupción nos que están implicados os sindicatos son moi puntuais, e algún aínda por definir.

- A que se refire?

-No dos ERE de Andalucía aínda está por ver de que estamos a falar, porque levamos moito tempo co asunto e non acaba de resolverse.

- E o das tarxetas opacas?

-É máis difícil de defender. Está por ver se eses recursos se usaron para gastos propios, particulares, ou se derivaron dalgún xeito a traballos sindicais. Pero, sexa como sexa, é indefendible empregar ese tipo tarxetas sen control fiscal. En canto se soubo destes casos abriuse a porta para que marcharan. Fan dano porque nos colocan ao nivel que aquilo contra o que loitamos.

- Como cualificaría a labor do líder nacional de CCOO, Ignacio Fernández Toxo, nestes anos?

-É un referente. Ademais de ser da nosa terra, compañeiro de Ferrol, é unha persoa ponderada, intelixente, que defendeu o sindicato con total solvencia na crise más difícil e que máis desgaste causou. Dende 2008 tocou adoptar unha posición defensiva, resistir co que había. Esa posición moita xente non a entendeu. Podiamos dicir non a todo e estar todo o día na rúa ou tratar de mudar a situación. CCOO e UGT adoptamos unha postura responsable para que o golpe fose o menos posible. Aínda así, foi moi duro.

- De feito, moita xente falou de inacción, de inmovilismo.

-Fixemos tres folgas xerais, en 2010 e dúas no 2012. A folga xeral sempre é o último recurso, o elemento definitivo. Cun problema de emprego tan acusado a xente vólvese dócil e hai máis medo a protestar, saír á rúa, sumarse á folga, abandonar o traballo? Nesa posición non podes convocar unha folga para perdela ou facer folgas cada semana porque á terceira non sae ninguén á rúa. Hai que controlar e medir os tempos. Que se podían ter feito máis folgas? Seguramente. Lograríase algo distinto? Dubídoo, igual teriamos máis desgaste.

- Entón, é o momento de retomar a acción sindical?

-Si. A recuperación económica xa é unha evidencia, a recesión rematou e aquelas medidas que se tomaron, que supoño que eran coxunturais, xa non teñen sentido. Hai que falar da reforma laboral, das pensións, da lei mordaza... Amparados na coxuntura, algúns cambiaron o modelo de relación, debilitaron os sindicatos, os salarios e favoreceron economías con man de obra barata.

- A Coruña ten sectores como o telemarketing moi precarios. Como se pode mellorar a situación?

-Sectores precarios coma este teñen certa visibilidade, pero hai outros, moi atomizados, menos visibles, que ou non teñen convenio ou téñeno e non se cumpre. Son micropemes onde o sindicato non ten elementos para incidir, porque non hai representación sindical.

- Escapan ao seu control?

-Claro, os empresarios campan ás súas anchas. Hai traballadores que se ven obrigados a facer máis horas que as que fixa a súa xornada, como na hostalería. Xente nunha situación difícil que é como se fose invisible: casos como aceptar un contrato de catro horas e traballar 12 están á orde do día. Pero é complicado perseguilo. O sindicato funciona moi ben na gran empresa pero ten problemas en centros pequenos porque nesa atomización desaparece. Habería que buscar fórmulas para extender as ramas dos sindicatos ás unidades productivas pequenas.

- Na provincia da Coruña acaba de asinarse o convenio da hostalaría que prevé o control da xornada laboral dos empregados. Un avance importante.

-Si, vai facilitar o noso traballo. Ata agora se chegaba un inspector de Traballo e preguntaba polo empregado, ao estar dado de alta, non podía facer nada máis, non sabía se levaba alí media hora ou sete. A partir de agora verá a que hora fichou ou se está e non fichou.

- Como afectou a crise á afiliación aos sindicatos?

-As afiliacións van parellas á poboación activa. Con carácter xeral, na Coruña, Galicia e España, cando houbo menos poboación ocupada a afiliación baixou e agora que repunta, estamos a medrar. Pero tamén adoptamos medidas como novas cuotas para a xente que non ten ingresos, máis pequenas ou incluso cero para aqueles traballadores que perden o emprego. O 60-65% é afiliación estable e o resto depende de entradas e saídas constantes por distintos motivos. É un reflexo do mercado laboral. A maioría de afiliados é da gran empresa, da industria, que é onde está o mellor emprego, de maior calidade e maiores soldos. E é onde hai máis delegados, non é como ir xunto ao traballador dun bar. Pero buscamos alternativas de representación ás que marca a norma porque hai moitas cousas que se nos escapan.

- Habería que cambiar a lexislación nesta materia?

-O estatuto dos traballadores modificouse vía reforma en máis de 60 ocasións e o capítulo da representación sindical non mudou nada dende os anos 80. É algo sintomático pois a realidade laboral cambiou moito. Daquela non existían sectores que hoxe si hai. Haberá que modificalo e adaptalo á realidade. Temos que plantexar unha reforma, pero leva tempo, porque estamos a deixar moita xente descolgada, que non ve o sindicato como esa ferramenta útil que queremos ser, xente que non se sente representada.