O médico Ramón Vigo Sambade (Cee, 1964) leva 22 vencellado ao Goberno local do seu concello, onde presume de ter pactado co PP e co PSOE, sempre en representación do seu partido, Independentes por Cee (IxCee), co que viviu dúas mocións de Censura, unha como copromotor e outra, como rexedor deposto. Desta volta goberna nunha "minoría maioritaria", con cinco dos trece concelleiros da Corporación. Quizais por iso, Vigo parece pouco amigo de grandes confrontacións públicas no conflicto xordido coa pretensión de Ferroglobe de que a Xunta lle permita vender as centrais hidroeléctricas Cee e Dumbría. Pero só "de momento".

- Quedou satisfeito da reunión con Feijóo e Conde?

-Persoalmente estou satisfeito do trato que estamos a recibir por parte do presidente da Xunta e do conselleiro de Industria. É verdade que a postura do presidente é de lealtade institucional con nós, que como alcaldes nos movemos na mesma liña, porque independentemente de que pertenzamos a partidos distintos, somos representantes dos nosos concellos. No ámbito de resultados, estaremos satisfeitos no momento no que lle deamos solución ao problema.

- Que pensa das reaccións doutros partidos que alertan do risco de que Feijóo beneficie a Villar Mir trala súa imputación na operación Lezo de financiación irregular ao PP? É xogo político?

-Eu teño unha ventaxa, que son un alcalde independente que representa a un partido independente. En política todos intentan mesturar e as forzas políticas intentan trasladar calquera conflicto ao debate entre forzas. Tamén é certo que os traballadores e os sindicatos aproveitan aos partidos, e moitos deles son correa de transmisión, para que iso se traslade a un debate político máis aló da solución ao problema. De momento non deberiamos levar este tema ao ring da confrontación política porque se está a tratar no ámbito institucional. No futuro, se fose necesario, si.

- Haberá quen diga que tira vostede cara o PP?

-(risas) Seguramente é ao contrario. Eu teño unha traxectoria clara. Fun tenente de alcalde dun rexedor socialista e doutro do PP e fun alcalde en coalición co PSOE e en solitario en dúas ocasións, entre elas, esta. Nese sentido non debía haber problema.

- Que pasaría se a Xunta finalmente aprova a autorización e segrega as centrais hidroeléctricas da Costa da Morte?

-Tal e como vexo ao presidente a día de hoxe, cústame moito crer que vaia tomar unha decisión contraria aos alcaldes do territorio. É perfectamente consciente da realidade, da trascendencia que ten para a nosa zona e da dificultade política que ten para el como presidente noutros ámbitos territoriais cara empresas ou traballadores que poden verse afectados, pero penso que vai manter a liña de seriedade que está a amosar. Independentemente que eu poda non estar dacordo coas súas políticas ou coa forza que representa, a súa forma de actuar paréceme moi correcta.

- Entendendo que non pode anticipar a decisión cando hai un expediente aberto, o seu discurso é un pouco ambiguo.

-Eu hoxe [a entrevista fíxose o venres] vino claro. Se o informe xurídico di que non, e tamén teño claro que non vai dicir que non?

- Ah si?

-Si, a sensación que tiven -polos plantexamentos que se deron na reunión, non porque Feijóo dera a entender que fora así- é que non vai dicir que non. Pero se di que non, non ten posibilidade de moverse noutro sentido porque sería unha prevaricación na que el non vai caer. Pero se di que cabe a posibilidade de rematar co vencellamento que existe entre as centrais e a fabricación de ferroaliaxes, comprometeuse a asumir a postura que os alcaldes do territorio considerasen máis oportuna. Plantexáronse todo tipo de posibilidades ou se é bo que se asuman novas alternativas coas garantías oportunas, pero non me plantexo unha decisión do presidente contraria ao interés do territorio.

- Ou sexa que o informe xurídico encargado pola Xunta vai dicir tanto que se poden segregar actividades como que non?

-Penso que si. Estamos a ver que temos informes xurídicos enriba da mesa de catedráticos universitarios nun sentido e noutro. Non nos enganemos, o mundo do dereito como o da medicina non son como as matemáticas. Dúas máis dúas son sempre catro e nunca cinco nin tres. A miña idea é que vai ir nunha liña máis aberta que pechada.

- Se finalmente é unha decisión política, Ferroglobe pode dicir que hai prevaricación?

-O que temos claro todos é que tómese a decisión que se tome, o seguinte paso é un recurso pola vía xudicial. Das forzas sindicais se se decide que si, e da empresa se se di que non. Como xa se deu no ano 92. A Xunta dixo que non, e o grupo Villar Mir recurriu e houbo unha sentencia, primeiro do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e logo, do Supremo, que dou a razón á Xunta e aos traballadores.

- E os concellos estarán nesa guerra xudicial se a decisión é favorable a Ferroglobe?

-Non sei a parte que temos que ter, o que está claro é que imos apoiar a opción que garanta mellor a presencia industrial no noso territorio. Somos unha zona deprimida, a periferia da periferia da periferia de Galicia e todo o que perxudique a nosa economía nos vai ter en fronte. Non hai outra posibilidade, a nosa obriga é defender o territorio.

- E falaron na reunión do que dixo o director xeral de Industria hai un ano sobre que as centrais non se segregarían "nunca"?

-Non se comentou que o dixera o director xeral, pero si se dixo porque é do que estamos a tratar, de que non está permitida. Independentemente de que agora, en comparación con hai vinte anos, Ferroglobe non pode consumir a enerxía das centrais directamente nas fábricas, pero saca una rendibilidade que pode reinvertir. A empresa pretende fundamentar legalmente así o desvencellamento pero non é o máis importante.

- Cando dixo iso, o director xeral respostaba a unha pregunta sobre a ampliación de tres das centrais e defendía, como dicía Ferroglobe, que ía xerar 700 postos de traballo.

-Cada vez que plantexan algún cambio prometen crear postos de traballo e nos últimos vinte anos elimináronse 200 empregos.

- Tivo algún contacto cos directivos de Ferroglobe?

-Si. Tiven unha reunión con Larrea ao principio do conflicto e sorprendeume a súa actitude, dando por feitas unha serie de circunstancias que eu non vía nin vexo tan claras. De feito, eles chegaron, e o comentamos co presidente, dando por suposto que podían vender sen permisos de ninguén. Isto é unha concesión administrativa e ti non podes romper esta relación contractual coa Administración porque te apetece. Xoga como se xoga no ámbito empresarial e non da Administración, que ten outras regras de xogo e outros campos tamén e vin que estaba un pouco fora de xogo. Despois, o que foron facendo forma parte dunha folla de ruta prestablecida da que non se desviaron nada.

- A que se refire, a un plan industrial que foi crecendo?

-Eu teño claro que o obxectivo non é o plan industrial, senón acadar fondos para solventar a situación financeira da empresa. No seu momento as centrais serviron como aval para a procura de financiación para operación urbanísticas de OHL e agora se empregan para buscar fondos porque necesitan cash. Entendo iso dentro dun ámbito empresarial co que é de un pero estamos xogando con algo que non é de Ferroatlántica nin de Ferroglobe. É unha concesión administrativa duns recursos naturais que están neste territorio. A chuvia soportámola nós, os ríos están na nosa contorna e os recursos naturais non son patrimonio da empresa. O seu erro de plantexamento está fundamentalmente aí.

- Que lle parece o prezo que Ferroglobe pretende obter polas centrais?

-É unha cuestión na que non entro. Do meu punto de vista non ten un valor patrimonial. Semella que non debe ser tan mal negocio cando alguén aposta por facer unha inversión tan importante. Chámame a atención que se poña no mercado algo que parece tan rendible económicamente e cun coste de produción mínimo e materia prima natural, non hai que facer nada por obtela. Quen compra compra porque lle parece interesante.

- E o plan industrial?

-Pode parecerme bo. Unha empresa que leva tantos anos aquí e xa plantexou posibilidades de desenvolvemento industrial no territorio e non fixo nada; que leva desde o século pasado para facer o forno 23 e non o fixo, e que os cartos que acadou pola explotación das centrais adicounos a outras cuestións, en principio paréceme dubidoso. Agora, o deseño del, paréceme ben porque o papel soporta todo o que lle poñan.

- Estarían máis dacordo se ese plan se desenvolvese íntegramente na Costa da Morte?

-O máis crible é que se deixe de plantexar cada certo tempo, aínda que se sexa cada vinte anos, especular coas centrais. A partires daí, entendendo que a realidade actual é a que é, que as empresas se deslocalizan e garantizar que algo vai estar aí permanentemente é complexo. Iso aférranos máis á idea de que as centrais son a a forza que temos, a garantía para que a o pouco tecido industrial que hai no territorio se manteña no tempo. O outro poden ser caramelos apetecibles pero non son cribles. Tal e como está o mercado, non penso que sexa a zona na que lle apeteza máis investir.

- Investimentos de Ferroglobe na zona, non houbo. Teñen cuantificadas as axudas que recibiu?

-Non. Pero investimentos na factoría non fixo. Eu tiven familiares traballando na empresa e cando entrei nos despachos, pasando polas instalacións, lembrábame aos anos setenta, cando era neno. Pintar, pouco e mal, non se fixo un gran investimento. A niveis tecnolóxicos non podo falar, pero polo que din os traballadores, tampouco.

- Qué lle parece a decisión do persoal de Sabón e das federacións nacionais dos sindicatos de apoiar o plan industrial coa venda?

-O de Sabón non o vou cuestionar porque son decisións que lles afectan a eles e é normal que o consideren mellor. A decisión das federacións sindicais nacionais paréceme equivocada, mirando esta zona do territorio desde a distancia, como un punto descoñecido no mapa e dándolle valor ao conxunto do plan que se lle pon enriba da mesa. Os membros desas centrais sindicais no comité de Ferroatlántica deixaron de representalas. Foi unha decisión que se tomou en Madrid, como se tomaban hai anos as decisións, sen ter en conta as repercusións para os receptores das mesmas.