As protestas dos xubilados na rúa, tanto en Galicia como en España, continuaron onte, no mesmo día no que a Comisión de Presupuestos do Congreso aprobou a suba das pensións do 1,6% pactada entre o Goberno e o PNV, así como a ampliación da base reguladora das pagas de viuvez e mais o atraso da entrada en vigor do factor de sustentabilidade ata o ano 2023.

Os sindicatos UXT e CCOO secundaron en varias cidades e localidades galegas unha xornada de mobilizacións en defensa do sistema público de pensións e en demanda dunhas prestacións "dignas" para os pensionistas.

Na Coruña un cento de persoas concentrouse ante o Obelisco para reclamar unha reforma no marco do Pacto de Toledo, á vez que instaron á cidadanía a seguir mobilizándose. Os participantes corearon lemas como "Menos ladróns e máis pensións". Tensi Álvarez, de CCOO, e Rocío Seijas, de UXT, leron un comunicado no que denunciaron que o "cambio de discurso do PP" tralas mobilizacións de pensionistas dos últimos meses non resolveu "o problema de fondo", en alusión á demanda dun "sistema de pensións público, suficiente e sustentable". Incidiron tamén en que as pensións son "o reflexo do mercado laboral, con emprego precario" e acusaron ao Goberno de querer "potenciar o sector financeiro, promovendo plans de pensións privados".

Cerco ao Banco de España

En Madrid, os xubilados convocados por UGT e CCOO rodearon o Banco de España en rexeitamento ao "roubo" das pensións e esixindo a derrogación da reforma de 2013 para que as pagas volvan revalorizarse conforme á inflación. "Mariano Corleone nos roba las pensiones" ou "Nos roban, nos roban las pensiones", foron algúns das lemas máis coreados. Os pensionistas lograron cercar os aproximadamente 1.300 metros de perímetro do edificio do Banco de España.