A súa voz e a súa cara están máis ligadas á televisión e aos teatros que aos parlamentos, aínda que que Isabel Risco non é unha recén chegada á política, leva militando no BNG desde os 18 anos. Agora, por primeira vez, vai en postos de saída nunha lista.

-Vai no número 7 da lista do BNG-Asembleas Abertas, por que?

-Eu nas anteriores fora xa na candidatura do BNG, en postos de saída, era o 23 (risas). Considero que o meu número 7 non é meu senón da organización, do BNG-Asembleas Abertas, porque non son eu quen o decide senón que, como organización total e absolutamente democrática, a xente que quixo formar parte, tanto da organización como de fóra, foi quen decidiu que, entre outras persoas, podía ir eu. É xente boa e xenerosa e, ás veces, un pouco inconsciente. Mais iso foi o que se decidiu.

-Non forma parte da cota de independentes, senón que é do BNG.

-Eu levo militando no BNG desde os 18 anos. Ir na lista si que é algo novo, porque é unha nova experiencia ir nos primeiros postos e é un orgullo e unha gran responsabilidade, pero si que é verdade que ao militar desde tan nova, fun coñecendo moi de preto a organización e non me resulta exótico.

-Como cre que lle pode axudar o seu traballo artístico e comunicativo á hora de formar parte dun proxecto como o do BNG-Asembleas Abertas?

-Eu creo que se poden retroalimentar a faciana política e a artística. Son actividades paralelas, con moitas cousas en común e que se axudan. O máis importante son as ideas e os principios, querer mellorar o país no que vives. Igual eu estou máis afeita a estar diante da xente e iso axuda, pero moitas veces é cuestión de carácter. Tes coma unha ansia por comunicar, que supoño que terán tamén os meus compañeiros, por facerlle ver á xente que este país precisa de autogoberno, de soberanía, de tomar as súas propias decisións, porque levamos xa moitos séculos dependendo doutros que non miran por nós senón todo o contrario. Todo iso tamén é combustible que bota para adiante.

-Por que agora?

-Estamos nunha situación na que hai que tomar partido e hai que defender o país, porque nos vai no pan. Non considero que sexa bo crear un traballo eventual e precario no sector da cultura para depois morrer de fame. Tanto o sector cultural como o audiovisual está nunha situación lamentable, como o resto, pero é que como é un sector propio galego está sendo aínda máis atacado. Hai moitas referencias internacionais, como Bertold Brecht, que dixo na defensa da política, que a política é a que che dá un centro de ensino, un centro de saúde, a que lle dá dignidade ás prostitutas... A xente do teatro debe tomar partido, porque falla algo que sae da terra, do sentimento e, ao mesmo tempo, ten tamén esa capacidade de comunicar.

-Que modelo de cidade é polo que aposta se, finalmente, o BNG-Asembleas Abertas chega a gobernar, xa que na presentación de Carril vostede asegurou que non lle gustaba a actual, de "snobs" e "snobs" pijos"

-O BNG-Asembleas Abertas quere gobernar por facerlle un servizo os veciños, non con outra motivación e por transformar a realidade e mudar as cousas. Pois unha Coruña aberta, reivindicativa, como o foi sempre e non unha cidade de señoritos e de burgueses. Pode haber burguesía, pero A Coruña é unha cidade de traballadores e traballadoras. Ir en contra desa esencia é ir en contra da existencia mesma da cidade e se fas iso acabarás convertindo un híbrido sen xeito que, a ver quen quere vivir nel. Lonxe desa idea de convertir A Coruña na cidade do Parrote e de só unha fachada, porque até nin o centro o tratan ben, só tratan ben o centro que lles convén, o dos lobbys económicos. É coma un decorado de cartón pedra que se lle dás un pouco, cae. Así que, A Coruña mariñeira e de barrios.