O BNG foi o primeiro partido en nombrar candidata para as eleccións galegas. A súa aposta: Ana Pontón, sarriana de 39 anos, e con máis de 12 de experiencia no Parlamento galego. O Bloque busca superar os resultados negativos das dúas últimas convocatorias electorais que deixaron á formación sen representantes no Congreso. Pontón confía en que a ilusión que percibe nos votantes se traduza en votos para manter grupo propio na Cámara autonómica e ter peso no Goberno galego. Pese ás diferenzas con En Marea por defender que o poder de decisión debe estar en Galicia e non en Madrid e a que tampouco quere falar sobre posibles pactos, a candidata nacionalista amosase disposta dialogar para derrotar ao PP.

-Confían en dar o sorpasso e non perder os cinco deputados que vaticinan as enquisas?

-As enquisas nunha campaña electoral son unha arma para influir no voto. Nos últimos anos non deron unha, son un instrumento devaluado e pouco crible. Estamos percibindo unha onda de ilusión arredor do BNG que se vai traducir nun bo resultado clave na derrota de Feijóo. Quen lle está desputando a maioría ao PP son os escanos do BNG e o 25-S imos estar gobernando este país.

-Foi unha das mellor paradas no debate a cinco da TVG. Cre que o BNG está facendo chegar a súa mensaxe de novo?

-Foi útil para que se coñecesen as propostas e alternativas do BNG e a firmeza coa que desmontamos as mentiras de Núñez Feijóo. Moitos galegos víronse representados no noso discurso e iso tivo un efecto positivo na nosa campaña.

-Cal foi o fallo para que esa mensaxe non chegase nas dúas últimas eleccións xerais?

-O contexto das eleccións xerais tivo gran dificultade para o noso proxecto. Agora trátase duns comicios autonómicos e moitos galegos están vendo que o BNG é unha organización sólida con proxecto, valentía e ambición de país para camiñar cara adiante e deixar estes sete anos tristes e de tanto retroceso.

-De feito, defenden que o 25-S escóllese entre a resignación ou esa valentía. En que se traduce a rebeldía do BNG?

-O máis rebelde que podemos facer é confiar como galegos en nós e o BNG é a alternativa. Hai moita decepción co que pasou este ano na política estatal, sobre todo coas forzas de esquerda, tanto coa nova como coa vella política. Xogaron coas esperanzas de moitas persoas. Dixeron que o importante era derrotar a Rajoy e unha vez que a xente co seu voto o derrotou adicáronse ao seu particular xogo de tronos e resucitaron a un cadáver político.

-É o BNG víctima da aparición das mareas?

-Non somos víctimas de ninguén. Son etapas políticas pero agora estamos nunha nova, nunhas eleccións diferentes ás estatais e o que nos importa e que os galegos escoiten as nosas propostas.

-A que achacan a perda de cofianza pola que votantes do Bloque se decantaron por outras opcións da esquerda?

-Os votos non son dos partidos, son das persoas. É evidente que houbo unha crise e un cambio nos partidos que afectou a todo o sistema político. Agora vaise dar unha tendencia diferente. Moitos galegos que se sinten nacionalistas e representados no noso proxecto ven que movemos ficha e están volvéndose a emocionar e retornando ao BNG. En todo caso, aceptaremos o que decidan os cidadáns.

-A que se debe esa recuperación de confianza no Bloque?

-A xente viu que hai novo equipo, novas caras, novas maneiras de comunicar un proxecto que segue defendendo que os galegos somos un pob, e que se dan conta de que fronte á frivolidade do marketing e a propaganda precísase un programa de verdade que teña as súas raíces e o seu corazón en Galicia.

-Está superado ese distanciamento das mareas trala asamblea nacional de marzo?

-Non son mareológa nin estudiei na Complutense. Son do Bloque e temos un proxecto propio e definido e os galegos estano vendo. Non nos presentamos contra ninguén senón a favor de Galiza e para que os galegos teñan futuro. O noso obxectivo para o 25 de setembro é pasar páxina e para iso hai que deixar atrás ao PP.

-Pero para derrotar a Feijóo se non acada maioría absoluta hai que buscar alianzas. Mantería a decisión da asamblea nacional ou poderíase dar un novo intento de achegarse ás mareas?

-O Bloque ten a man tendida a todas as forzas nacionalistas. E se despois do 25-S non hai unha maioría clara do PP, non imos acometer a irresponsabilidade do PSOE e de Podemos nas xerais de decembro. Cando dependeu do Bloque nunca gobernou o PP.

-Terían entón que ter máis apoios que Ciudadanos para ser claves na derrota de Feijóo.

-Non creo que Ciudadanos vaia ter representación.

-Vense formando parte dun tripartito co PSdeG e En Marea?

-Esas opcións vanas decidir o cidadáns cos seus votos, non é o resultado da decisión da cúpula de ningún partido. O PP trata de demonizar os apoios entre forzas políticas pero Feijóo pasouse seis meses clamando por un tripartito para España que permitira a supervivencia de Rajoy. Se vale para o Estado español porque non para Galiza? O BNG ten no seu ADN o diálogo e outros que nos dan leccións non o fixeron cando puideron.

-Feijóo pide o voto para non repetir un bipartito. Como valora aquela etapa?

-A historia nunca se repite igual. Nós agora estamos no presente e non imos volver o pasado. É un proxecto de mirar cara adiante.

-Teñen algunha liña vermella que poñerían enriba da mesa antes de negociar con calquera formación?

-Síntoo, pero nós agora non estamos negociando un pacto postelectoral. Estamos ofrecendo unha alternativa nacionalista aos galegos cun proxecto e son as persoas ás que teñen que decidir.

-Como pretenden nesta última semana volver captar tanto aos indecisos como aos que os deixaron de votar?

-Estamos facendo unha campaña de rúa, de proximidade, de ti a ti, de escoitar, e sobre todo de tirar da man das persoas que perderon a esperanza porque outros xogaron cos seus soños. Moita xente está descreída porque non ve alternativa. Ese é o xogo que quere o PP pero pídolles que voten ao BNG porque esa é a alternativa e cada voto vai ser clave para devolverlle a esperanza a este país.

-Das visitas destes días de Rajoy, Sánchez, Colau ou Errejón, vostede di que o Bloque non precisa "primos de Zumosol".

-É habitual ver nesta campaña a políticos madrileños que veñen a pedir o voto e despois olvídanse de Galiza. Nós confiamos nas nosas propias forzas.

-En que fase do proceso de refundación se atopa o BNG?

-Estamos centrados nas eleccións e que se produza un cambio cun proxecto solvente no que os galegos poden confiar. Até agora os gobernos usaron a Galiza, como Feijóo, que é un candidato trampa, porque sabemos que se perde vaise marchar e se gaña tampouco vai quedar toda a lexislatura. Ten moitos negocios pendentes esperando.

-Que Galicia lle gustaría ver despois do 25-S?

-Non todos os problemas se van solucionar chiscando os dedos e hai cousas que vai levar tempo cambialas. Para que o país progresara que a partir do 25 o BNG debería ter cantas máis responsabilidades no goberno mellor porque imos antepoñer a defensa dos intereses do pobo por riba dos da banca e das empresas aos que serviu Feijóo, temos proxecto, e experiencia como levamos demostrando en moitos dos concellos onde xa abrimos un tempo novo hai moitos anos.