Cunha brillante carreira na xudicatura como maxistrado na Audiencia Nacional e os Tribunais Superiores de Galicia e o País Vasco, Luís Villares tomou a arriscada decisión de dalo paso a política para encabezar a candidatura de En Marea á presidencia da Xunta. Un paso dificil de entender para moitos que el ve como "coherente" cunha traxectoria inconformista na súa vida e na xudicatura, onde foi tamén portavoz de Jueces para la Democracia. Aos 38 anos, leva superadas arduas oposicións no duro mundo xudicial; este domingo afrontará outra que leva á plaza da presidencia en San Caetano. A súa teima é que a Marea sexa o xerme de confluencia de todo o espectro de esquerda en Galicia contra as "políticas de sufrimento do PP".

-Como se ve un xuíz na área electoral? Como se viu no debate?

-Foi o meu primeiro debate televisivo e iso notase. Tes certo pudor intelectual a interrumpir, a simplicar o que queres explicar. Nunca tiven twitter ata que viñen á política. Creo que as verdades non collen en 140 caracteres.

-Estes primeiros compases na política mostráronlle un mundo no que se apela máis á emoción que á razón?

-Sí. Ao principio trataba de explicar en base a grandes enunciados, e dicíanme: "non se che entende, tes que simplificar os contidos e falar máis ao corazón da xente". Eu mesmo, coma cidadán, non me daba conta dese rexistro cando recibía as mensaxes e agora vexo que funciona esa interpelación.

-Xuíz na Audiencia Nacional, e nos tribunais superiores do País Vasco e Galicia. Desbotou unha gran carreira na xudicatura por unha incertidume política.

-Eu non teño moito que gañar nesto, se nón é simplemente pois un compromiso cuns valores nos que creo. Pero é coherente coa miña vida. Nunca me conformei. E iso sempre me levou a perder tempo e cartos. Pero fíxeno con moito gusto, porque hai que comprometerse.

-Ese entusiasmo é compartido pola súa familia?

-Sí, unha vez que din o paso, sí. Home?o meu entorno máis próximo preferiría que non me metese en líos. Pero entendérono moi ben. Porque era coherente conmigo. Dixeron: bueno, pois se é o que queres, nos querémoste e apoiámoste.

-E os compañeiros xuíces?

-O mesmo que a miña familia. Pra que te metes niso, co ben que estás aquí. Pero ao mesmo tempo dínme que non lles estraña de min.

-¿Non o bota de menos?

-Pasou soamente un mes e pico, aínda que me pareceu eterno pola intensidade, pero non tiven realmente tempo para pensar niso, entre outras cousas porque, a pesar de que se dixo que estaba todo preparado, tan pouco preparado estaba que o mes de agosto deberían ser as miñas vacacións e o único que fixen foi consumilas nesta aceleración política. Estou seguro de que o vou botar de menos.

-Dise que andan por aí rebuscando algo polémico nas súas sentencias.

-Andarán, non o sei. Pois aprenderán moito dereito. Home.. revocáronme sentencias, como a todos os xuíces. Un non ten que sair a defender as súas sentenciasporque se defenden solas.

-Esa inquietude súa asomou nas sentencias?

-Asoma sempre. Pero un xuíz ten que ser consciente de que o seu límite é a lei. Hai sentencias que non che gustan, pero a lei hai que cumplila, aínda que sexa inxusta. Un ten que interpreter tamén a lei, pero hai límites infranqueables.

-Antes deste salto á política houbo outra decisión insólita súa: deixar o Tribunal Superior vasco por un simple xulgado de Lugo, antes de ingresar no máximo tribunal galego.

-Sí, pouca xente o entendeu. Desde o punto de vista da carreira xudicial, ir dun tribunal superior a un xulgado é baixar de categortia. Pero hai proridades na vida. Eu quería volver a Galicia e en canto houbo unha oportunidade, aínda que fose baixar dun tribunal superior a un xulgado, non o dubidei e viñen para Galicia.

-Foi un máster de realidade galega.

-Reveloume o mal que se utiliza a Administración. Coa denegación constante da Lei de Dependencia, por exemplo. Dábame rabia ver como á xente que tiña dereito a esas prestación llas denegaban. E despois a Xunta dicía que cumplía co déficit. Claro, pero a costa de causar sufrimento. A Xunta sabía por estadística que unha porcentaxe de denegacións non se recurren, e máis coa subida das tasas xudiciais, e eses cartos aforráronos sabendo que era unha inxustiza. Xogaron moi sucio.

-En Lugo coincidiu con Xulio Ferreiro, había xa complicidade política?

-Nin un nin o outro podiamos sospeitar que acabaríamos xuntos na política, pero o que xa nos unía era o interese polos dereitos sociais.

-As enquisas apuntan a unha nova maioría absoluta do PP. Que percibe na campaña?

-Unha enorme ilusión que as enquisas non recollen. Hai tres veces máis xente nos mitines que coa coalición. A confluencia nun partido motiva moito máis. Ese cambio cualitativo non se puido medir demoscópicamente. A única forma de medilo van ser as eleccións. Imos dar un gran campanazo.

-Esa gran expectativa de cambio pode tornarse en frustación se non se cumpre?

-Agora hai unha sólida alternativa de cambio en pé para Galicia. Ese é o valor político que destaco nos mitines. Somos máis e millores que coa coalición. Esto convírtenos en hexemónicos socialmente e espero que tamén electoralmente. No espacio da esquerda en Galicia vaise ler claramente ese mensaxe. Queremos demostrarlle a Galicia que somos capaces de ofrecer un proxecto para o século XXI. Viñemos para quedarnos. En Marea non é un proxecto para estas eleccións, é un proxecto para o próximo decenio.

-Como influirá o 25-S na negociación do Goberno estatal, agora paralizada polas eleccións?

-Se gañamos en Galicia, non haberá terceiras eleccións en España. A derrota de Feijóo será a derrota de Rajoy. Vivimos os albores do cambio dun ciclo político.

-Marea garante en Galicia un entendemento co PSOE que non se acadou en España?

-Sí, En Marea vai demostrar que é posible entenderse contra os recortes. O que é inexplicable é que non se producise xa e non se vise a necesidade de rexeneración democrática e da política social necesaria ata agora. Nós aseguramos un goberno social, que acabe cos recortes e coa corrupción. Se temos que levarlle documentación á Fiscalía e que a xente acabe no cárcere, acabará no cárcere. Fronte a corrupción de Feijóo, ofrecemos honestidade. O obxetivo de frenar as políticas de sufrimento do PP está para nós por diante de todo. Traballaremos por acadar maiorías e acordos parlamentarias que o permitan. A Marea garante que eso vai ser así.

-A súa coincidencia con Leiceaga anos atrás no BNG é un plus para ese entendemento?

-En canto ao entendemento, non é tanto como foi o pasado da xente, senón como é o presente, estamos falando de hai case vinte anos. En todo caso teño boas referencias persoais e profesionais de Leiceaga e creo que será posible un entendemento cordial, porque temos unha serie de valores e prioridades políticas e sociais que compartimos. Sería inexplicable que non chegáramos a un acordo.

-Que urxe cambiar en Galicia?

-Garantir vivenda, alimento e enerxía para todos. Frenar a degradación da sanidade e da educación, Crear emprego e acabar coas as privatizacións de servicios costeados con diñeiro público que non aforran nada e só serven para que se beneficien algúns. E abrir a porta á transparencia con comisións de investigación sobre o saqueo das caixas ou a traxedia do Alvia.